top of page

· Apéndice A·

Breve Viaxe hemerotérica ás profundidades da Escola de Náutica de vigo

unha Leconía:1915-1923, creación e desenvolvemento

P.D.: de premer o botón negro que acompaña ao recorte se descarga a páxina completa de onde está tirada a nova, se o pdf ten máis dunha páxina, a información está na última.

O 11 de marzo 1911 o Noticiero de Vigo anunciaba en grandes titulares "La cuestión pesquera en el período álgido" e anunciaba que se crearía unha "escuela de pesca" en Vigo, mais non é até 1915 que esa orde se consolida. Emporiso, nese 1915 estivemos a piques de quedar sen ela. Así, na nosa pesquisa, unha das primeiras novas que atopamos é no Faro de Vigo do 23 de abril de 1915, intitulada: "Las Escuelas de Náutica: ¿Vigo, preterido?", onde se dá a voz de alerta ante a posibilidade de que Vigo quede sen Escola de Náutica. Pero xa sabemos que iso, nun principio, non sucedeu:

 

          Pasado este primeiro susto, a oficialidade da escola vai adiante e neste mes de xuño, Vida Marítima (20/06/1915) anuncia a lexislación pola que se terán que rexer as escolas creadas, así como outra información sobre as distintas materias e destrezas que han de superar os estudantes da marina mercante. Xa que logo, malia que esta nova non inflúe na historia, favorece a comprensión e contextualización dos estudos náuticos que cursou Manoel Antonio.

 

         La Gaceta del 10 de agosto de 1915 anunciaría la "Real Orden" pola que era designado comisario regio desta Escola, Eduardo Iglesias Aniño. Pouco despois o Faro de Vigo do 13 de agosto confírmanos este nomeamento e adianta os nomes do profesorado da "Escuela de Náutica de Vigo". Cómpre destacar que este persoal docente inicialmente está excluido do presuposto estatal, polo que os seus honorarios terán de ir a conta do Concello de Vigo; feito que non tardará en supor un problema, tal e como evidencia o resumo dos asuntos tratados na Casa Consistorial a finais dese mesmo agosto: "Los Sres Martínez y Botana indican que el ayuntamiento no puede pagar el personal, pues en su mayoría el profesorado nombrado ya cobra otros sueldos" (Faro de Vigo, 28/08/1915).

 

         Por sorte, esta exclusión presupuestaria non parou o establecemento da Escola, mais si que influiu á hora de ubicala. De aí que, debido á suposta falta de cartos para habilitar un espazo propio, a "Escuela de Náutica" ficara sita no edificio de Artes e Oficios. Deste xeito, a inauguración do seu primeiro curso escolar tería lugar o 31 de agosto na biblioteca da Escola Industrial de Artes e Oficios.

 

           Ao ano seguinte, en xuño de 1916 morre Eduardo Iglesias Aniño e poucos meses despois desta morte, López Soler convida a dar unha conferencia na "Escuela de Náutica de Vigo" a Odón de Buen, aproveitando a viaxe deste a Vigo como presidente da comisión encargada de resolver o problema da pesca naqueles días...

 

           En decembro de 1918, Rafael López solicitaría ante o pleno da Casa Consistorial que o Ministerio de Instrución Pública incluíse no seu presuposto unha partida para a Escola de Náutica e semella que esta petición levanta por primeira vez o desexo de suprimir a Escola. Porén, grazas á presión mediática e á mobilización do alumnado -con José M. Baena á cabeza como representante deste-, lógrase que a escola se manteña. Estamos en febreiro de 1919 e dende comezos deste mes sucédense as novas no Faro sobre esta polémica até que o 20 de febreiro unha carta de Ángel Urzáiz confirma que se conservará a Escola. Con todo, o conflito volveu activarse cara finais de ano e na primavera de 1920 a "Escuela de Náutica de Coruña" sufriría a mesma ameaza de desaparición. Baixo estas liñas unha crónica da mobilización en febreiro e de seguido un recorte de La Correspondencia de España posicionándose novamente ante o problema a finais de novembro de 1919.

 

            Mais, como xa sinalamos, até a ditadura de Primo de Rivera a Escola continuaría o seu curso sen moitas máis alteracións e inclusive o Concello de Vigo intentaría mellorar a súa situación ubicándoa noutro local, porén esa idea nunca chegaría a facerse realidade. Daqueles días tan só localizamos en Vida Gallega a seguinte foto cos alumnos e parte do profesorado do ano 1920. Dous anos despois, crearíase a "Asociación oficial de Alumnos de Náutica" cuxa constitución sería aprobada cara finais de abril de 1922 (Faro de Vigo, 25/04/1922) e da que formarían parte: Francisco León García (presidente), Ricardo Torres Quiroga (vicepresidente), José M. Baena Fernández (secretario), Ramón López Rodríguez (contador), Manuel Míguez Carrera (tesorero) e Rosendo da Vila máis Rolando Eiris Pazó (vogais).

bottom of page