top of page
Melocotón Melba

A aventura do saber levounos a descubrir a curiosa orixe desta sobremesa e non puidemos evitar compartila. Xaora, non pretendemos dar unha lección culinaria, máis ben estamos a recibila. De feito, quen lea "El banquete a Lustres Rivas" no xornal Galicia comprobará que a carta destes «X Files Galegos» non son froito do enxeño Sor Presa, senón unha sorte de adaptación de ingredientes aos pratos que os comensais cearon no Hotel Universal de Vigo durante a despedida a Lustres Rivas. Desta guisa, o noso «Pêche Melba» inclúe: TFG {durazno} do Máis Alá; {framboesa} MIXREEL RM, JV e MA (con presentación en castellano para la familia de Ultramar) e «Brisas Futuras» {de vainilla} con J. Villaverde. Observemos, pois, as propiedades dos nosos ingredientes...

TFG {durazno} do máis alá

Entre o durazno, o melocotón e a nectarina situamos o noso TFG para actualizar e complementar o Vol. 2 destas Epifanías Libertarias. Así, segundo a propia presentación deste traballo:

«Epifanías Libertarias non é un TFG, vai Máis Alá!», parte do estudo da vida e obra de Ricardo Mella (Vigo, 23/11/1861 - 06/08/1925) e na súa orixe só pretendía visibilizar unha serie de acontecementos literario-vitais de Manoel Antonio (Rianxo, 12/07/1900 - 28/01/1930), JoséVillaverde (Santiago de Compostela 12/07/1894 - Arteixo, 25/09/1936) e Mella que teñen lugar en Galicia entre 1899 e 1930 para achegar luz sobre a probable influencia de Villaverde e Mella no anarquismo de Manoel Antonio. Mais, a procura de probas que ligasen a Manoel Antonio con Mella e Villaverde, embarcoume nunha produtiva travesía que recalou o 2 xuño de 2017 en Epifanías Libertarias, sitio web que habilitei para pór álibre disposición pública material histórico perdido ou exiliado que compilei grazas á miña pescuda. Así, hoxe este TFG aspira a:

1. Presentar Epifanías Libertarias e o motivo da súa apertura.
2. Ilustrar o anarquismo de Manoel Antonio e a súa conexión con Ricardo Mella e José Villaverde mediante o exposto no volume 2 de Epifanías
Libertarias.

3. Facer partícipe a este tribunal da situación actual desta investigación: INTERLUDIO CONTESTATARIO S. O. S. MANOEL ANTONIO

 

Secasí e máis alá das aspiracións deste TFG e das conexións que defende, posúe un útil «Complemento hipervíncular bibliográfico» que perfecciona as «Coles de Bruselas Salteadas» e mais un nutritivo «Suplemento Sor Presa»... 

Epifanías Libertarias non é un TFG, vai Máis Alá!

PREME NA IMAXE PARA DEGUSTAR O TFG

{framboesa} Mixreel RM, JV e MA

A framboesa posúe vitamina C e mais é anticancerosa: coñecer a historia dende a fonte primaria tamén é moi saudable e por esta razón poñemos a libre disposición preto de 200 ficheiros de prensa histórica relativa a Ricardo Mella {RM}, José Villaverde Velo {JV} e Manoel Antonio {MA}. Así, esta particular framboesa {alén de complementar o durazno e acompañar a vainilla} busca brindar unha base documental que facilite o estudo destes autores e permita observar o contexto histórico-cultural en que conviviron. Mais ao seren xornais, non só nos atoparemos con RM, JV y MA, senón cun amplo abano de sucesos e nomes que contribúen a debuxar a época e poden abrir o apetito a outros campos de estudo. Ora ben, particularmente, desexamos que esta compilación estimule a recuperar a esquecida figura do actor, carpinteiro e publicista Pepe Villaverde: imprescindible persoeiro da cultura galega e española. Tanto é así que a morte de MA en xaneiro de 1930 poría punto final a esta antoloxía, mais esta continua lixeiramente uns anos para recoller a pegada de Villaverde en Madrid (1931) e resaltar o seu activismo nos albores da IIª República. Logo, se ben nesta MIXREEL a maioría dos xornais recollidos abranguen entre 1920 e 1930, a súa primeira nova data de 1915 con José Villaverde e remata, anecdoticamente, en 1947 cun artigo de Aquilino Iglesia Alvariño sobre Manoel Antonio. En xeral, gran parte dos exemplares incluídos proveñen  de hemerotecas dixitais de libre acceso, polo que o valor desta selección reside ante todo na súa propia compilación. Dado que non todos os documentos permiten a busca por palabras, achego ademais un inventario que segue a seguinte fórmula:

—19150222 El Eco de Santiago, Santiago de Compostela, Sorteo de 1915:157 JV p. 2

 

Que debe lerse como: AnoMesDía, Título, lugar de publicación + título orixinal da noticia para ubicar el autor/contido. Neste caso, tratase do Sorteo de mozos para o reemplazo de 1915, a noticia é relativa a José Villaverde (JV) quen tivo o número 157 e está na páxina 2 del pdf. Con todo, varios dos documentos permiten a busca por palabras. Ao pulsar na imaxe accédese ao inventario {que inclúe unha breve presentación en castelán para que a familia de ultramar tamén se anime a estudar a Mella, Villaverde e MA} e ao clicar no botón recalades en Dropbox.

«Brisas Futuras» (de vainilla) con J. Villaverde

«Brisas Futuras» foi o nome dun cadro de declamación de Santiago de Compostela que nace contra 1916 ligado á "Federación de Sociedades Obreras" desta cidade. A información que manexamos indica que Pepe Villaverde foi o seu promotor e director inicial, porén, trala detención deste en agosto de 1917 e a súa posterior mudanza á cidade de Vigo, o carpinteiro deixaría o grupo, mais sen nunca separarse do teatro. Xa que logo, dado que o teatro, ao igual cá vainilla, mellora o humor, reduce a ansiedade e aumenta a enerxía muscular, brindamos con esta entrega unha ración de «Brisas Futuras» canda outra de Villaverde.

Cunha fórmula semellante á que presentamos no MIXREEL, quen se achegue a carpeta de Dropbox atopará, por unha banda, unha colección dunhas 50 novas que permiten reconstruír a historia de «Brisas Futuras» e, de por parte, dúas carpetas cunha parte da documentación orixinal sobre Villaverde que custodia a Real Academia Galega. Dende hai algún tempo, a Academia comezou os labores de dixitalización do fondo e este está dispoñible en Galiciana, así que como sucede coa MIXREEL, as propiedades desta vainilla residen na propia compilación, ao facilitar o traballo de investigación.

A historia de «Brisas Futuras» está ligada non só a Villaverde, senón que pasa por Manuel Fandiño {o irmán de "Las dos Marías} e chega a Posguerra. Entre as actuacións que levaron a cabo mentres Villaverde foi o seu director, quero destacar a xira que realizaron por toda Galiza a favor dos que hoxe se coñecen como Mártires de Cans: as cinco persoas asasinadas pola garda civil en Nebra (Porto do Son) durante unha manifestación contra un pago que lles impuña o concello en outubro de 1916 e das que Manoel Antonio fala nas súas cartas. Unha outra obra-película é posible e o seu protagonista ben pode ser Pepe Villaverde, comprobádeo por vós mesm*s clicando na súa foto!

bottom of page