top of page

Con mil agarimo ás estirpes Díaz-Mella e Mella Serrano

II. Breves apuntes sobre a “Sociedad Vértice” e unha outra Emilia Docet

Preámbulo: o porqué desta historia [máis alá dunha medalla]

            O noso adentramento na IIª República (1931-1936) resultou a un tempo involuntario e produtivo: cando andabamos na procura de información sobre Pepito e Roxerius [devanditos curmáns de Manoel Antonio], descubrimos a Emilia Docet Ríos (Vigo, 1915-1995) e canda ela un curioso tecido sociocultural e deportivo onde a familia Mella tivo especial relevancia. Porén, ao igual que agora está a suceder con Manoel Antonio, a historiografía galega deu en divulgar unha imaxe unicamente galeguista de Emilia Docet e obviou relatar outras facetas desta rapaza que, con dezasete anos, sería proclamada sucesivamente miss Vigo, miss Galicia e miss España no ano 1933. (Vid. Álbum de Mulleres. Consello da Cultura Galega).

               Desta guisa, semella que a tentativa de monopolizar a memoria de Docet como "a Miss España galeguista" sería a que provocaría a publicación no Faro de Vigo [FdV] do artigo "Ni musa ni galleguista" cunha entrevista a Francisco Novoa Docet -fillo da Miss- onde este critica a terxiversación da imaxe de Emilia. Logo, segundo o seu fillo [que lle resta importancia a esta faceta] a relación de Docet co galeguismo nacería tras pasar a Miss "una temporada en Vilagarcía en la casa de una prima lejana suya que estaba casada con el médico galleguista Xosé Núñez Búa" (FdV, 20/04/2013). Facemos alto aquí para declarar que Núñez Búa é a mecha que acende o desenvolvemento da presente crónica xa que o achegamento de Roxerius ao galeguismo tería a mesma orixe ca de Docet: Vilagarcía e "da man de Núñez Búa", en palabras do profesor Axeitos (Axeitos, 2017: 70). Secasí, particularmente, non sabemos se foi Núñez Búa ou o latexar de Manoel Antonio o que impulsou a militancia de Roxerius nas filas do Partido Galeguista [PG] nin tampouco os motivos que inducirían a Emilia Docet a entrar nel. Agora ben, sen negarmos a evidente relación pública de Docet [e de Roxerius] co galeguismo, afirmamos que esta estivo máis vinculada ao deporte e á sociedade “Vértice”, do que ao galeguismo e ao Partido Galeguista. Non podemos encargarnos neste episodio nin de Roxerius nin de Núñez Búa, porén animamos a que se investigue sobre eles porque, malia seren relevantes persoeiros da cultura galega, é escasa a información compilada que atopamos deles. Benvinguts, benvingudas a unha outra historia de Miss Docet.

De Mellas, Díazs e Docets

               O amplo tecido social, familiar e cultural ao que vai ligado a “Sociedad Vértice” obriga a comezar por esbozarmos unha serie de relacións de parentesco para sabermos quen é quen neste relato. Asemade, para unha mellor comprensión cómpre ter en conta a «Escuela de Artes e Oficios» e mais o «Ateneo de Vigo» como puntos chave de socialización, arredor dos cales emerxe “Vértice” xunto con moitas outras iniciativas empresariais, culturais e deportivas da cidade.

               Comezamos coa familia Mella para aclarar que nesta historia non só está envolta a prole de Ricardo Mella Cea e Esperanza Serrano Rivero que vivía na IIª República: Ricardo, Alianza, Alberto, Esperanza, Raúl, Urania, Luz, Alicia, Mario e Jorge; senón tamén a da irmá pequena do anarquista, Fanny [Francisca Elena] Mella Cea (Vigo, 26/12/1879-13/09/1952). Así, Fanny casaría con Manuel Díaz Fernández e de aí nacería a estirpe Díaz Mella: Fanny Dolores, Manuel, Mercedes, Fernando e José.

               En canto a Emilia Docet, a súa familia xurdiría do matrimonio de Francisco Docet Filgueira con Emilia Ríos Rengifo [oriunda de Loreto, Perú] e desta unión nacerían: Francisco, Carmen, Concepción, Juan, María Luisa e Emilia. De por parte, posto que ninguén desenvolve con claridade o parentesco real entre Núñez Búa e Docet, aínda co risco de errar, aventurámonos a declarar que o nó residiría en Otilia Valladares Filgueira [non Olivia Valladares Docet], filla de Remigio Valladares e neta de José Benito Valladares Lameiro [outros interesantes persoeiros de Galicia] e posteriormente esposa de Núñez Búa. Segundo isto, pensamos que Dolores Filgueira Pavia, a avoa da estirpe da Miss por parte de pai, sería a orixe do vínculo entre Búa e Docet.

               Baenas, Iglesiass, Lagos, Curberas ou Tapiass percorren por igual este relato canda a liñaxe de Mellas, Díazs e Docets. Non obstante, non podemos [nesta Epifanía] deternos nestas familias como merecen: desculpen e tempo ao tempo.

Do fútbol ao ‘hockey’ [herba] e outras recaladas

               Sabemos pola prensa da época que tanto Mellas coma Docets despregaron unha pródiga actividade deportiva. Anecdoticamente diremos que en 1925, Francisco Docet era vogal do «Vigo Boxing Club» (EPG, 13/05/1925). No entanto, a primeira nova que localizamos [até o de agora] que confirma publicamente a relación Mella-Docet data de 1926 e fai referencia a un partido de fútbol entre o Policarpo F. C. e o Riveira F. C. Felizmente, deste encontro, alén da formación, posuímos o esquema do partido (imaxe: EPG, 02/09/1926). Cremos que estes Mella e Docet serían Ricardo Mella Serrano [RM Junior] e Francisco Docet [fillo], mais non podemos confirmalo. Así e todo, o que nós interesa é probarmos a histórica unión de ambas familias [entre elas e mais co deporte]:

            UN PARTIDO EN RIVEIRA. El próximo domingo contenderán el campeón de las Rías Bajas, Riveira F. C. y el Policarpo de esta localidad, reforzado con el titular del  Real Madrid, Cominges, y varios jugadores de primera categoría de esta localidad. El Policarpo formará de la siguiente forma: Mella, Pereira, Avella, Cominges, Vega, Murias, Docet, Tapias, Golleneche [sic], Fernando, Varela. (EPG, 28/08/1926).

            Dentro do activismo deportivo é interesante recordar que ao ano seguinte, en xullo de 1927, RM Junior sería elixido vicepresidente do Real Club Celta canda Ramón Fernández Mato na presidencia. Porén, Mella dimitiría en 1928:

             REAL CLUB CELTA. Nota oficiosa. Habiendo presentado la dimisión del cargo de Vice-Presidente de esta Sociedad, el señor don Ricardo Mella Serrano, fundándola en motivos de índole particular, muy atendibles, la Junta Directiva, en vista del carácter irrevocable que el señor Mella da a su renuncia, acordó admitírsela, lamentando verse privada de la cooperación que en beneficio del Celta aportó siempre y de la ayuda de tan buen compañero (EPG, 26/01/1928).

             En 1929 Francisco Docet aparece ligado ao atletismo e mais á “Sociedad Atlética de Vigo” mediante unha nota pública que o chama a entrenar en Balaídos (EPG, 22/06/1929). De tal sorte que este entrenamento respondía a ser seleccionado pola Federación Gallega para el "match atlético entre las selecciones de Galicia y Oporto" (El Heraldo de Madrid, 03/08/1929).

             E, de equipo en equipo, a finais deste mesmo 1929, F. Docet asinaba unha carta en que remataba exclamando "¡Viva a aficción viguesa! ¡Viva el Celta! ¡Viva el Unión!. Por los jugadores del Unión Sporting. F. Docet, capitán" (EPG, 17/11/1929). Xa que logo, resulta obvio como ambas familias alén de estar ligadas antes da IIª República, mantiveron unha prometedora actividade deportiva. Porén, a súa promoción do ‘hockey’ sobre herba resulta inclusive máis interesante, ao seren Mellas e Docets das familias pioneiras na práctica deste deporte que, a partir de 1933, alcanzaría unha dilatada expansión en Galicia. 

              Así, a primeira nova que pescamos sobre a práctica do ‘hockey’ herba en Galicia é a da imaxe que acompaña a estas letras e data de marzo de 1931. Nesta, ante a declaración do futuro «Real Celta Hockey Club», afírmase comicamente que "la única dificultad será que si los demás clubs deportivos de Galicia no forman sus correspondientes equipos de hockey, los célticos se titularán campeones regionales sin necesidad de encuentro alguno"  (El Eco de Santiago, 16/03/1931 Descoñecemos que sería desta iniciativa, mais até novembro de 1932 non semella que houbese ningún partido nin equipo oficial. Neste mes formaríase o grupo masculino do «Vigo Hockey Club» e, aos poucos días Vida Gallega [VG] (20/11/1932)-a través de Pacheco- inmortalizaba o que sería o primeiro partido de hockey feminino.

«“Triángulo” ha cambiado de nombre, en lo sucesivo se denominará “Vértice”»

             Neste contexto, en decembro de 1932, a sociedade “Triángulo” [á que pertencía Jorge Mella Serrano (02/06/1913-¿?) dende había varios anos e coa que tamén competira en atletismo (EPG, 01/10/1931)] anuncia cambio de nome por “Vértice”, asemade dos novos estatutos e proxectos:

                En junta general extraordinaria celebrada anteayer en el Ateneo de esta ciudad, ha sido acordado por unanimidad cambiar la denominación de “Triángulo”  -nombre que venía designando a esta sociedad cultural-deportiva- por la de “Vértice”.

                Los proyectos que animan a esta simpática entidad son estos: Fomentar la práctica de los deportes siguientes: baloncesto, basse-ball, rugby, hockey, tennis, remo, golf de salón, náutica, pesca, ciclismo, billar, ajedrez y ping-pon.

                Creación y organización de una biblioteca que estará formada por toda clase de libros, es decir, literarios, científicos y deportivos.

                Creación de un equipo gimnástico dirigido por compententes aficionados.

                Organización de conferencias, clases de idiomas u otra materia de enseñanza a cargo de los socios facultados para ello.

                Se editará un boletín mensual que refleje la labor desenvuelta por “Vértice”.

Organización de excursiones deportivas y culturales. El tercer domingo de agosto será el día de “Vértice” y, para festejarlo, se organizarán festivales que la comisión se nombre al efecto propondrá a la directiva.

                La labor a desarrollar la hemos dividido en distintas secciones: según el artículo 22 del Reglamento, de cada sección se encargará un comité que la directiva nombrará al efecto (EPG, 10/12/1932)..

                 Sen dúbida unha iniciativa tan snob como admirable que non tardou en renovar a súa xunta directiva a comezos ano seguinte. Entramos en febreiro de 1933 [estamos a unha semana de que Docet sexa proclamada Miss] e cambia a dirección do “Vértice”. Emilia, quizáis por ser menor de idade ou por decisión propia non está nesta. Porén, vista a relación familiar Mella-Docet e a da propia Emilia con esta sociedade, pensamos que nestas datas a futura Miss xa debía ser socia desta agrupación. Sexa como for, velaquí temos a nova xerencia do “Vértice”:

                   En la Junta General ordinaria (...) ha quedado constituída la siguiente directiva que ha de regir los destinos de esta sociedad durante el presente año:

Presidente, don Jorge Mella Serrano; vicepresidente, don José Antonio Suárez Llanos; secretario, don Carlos Tapias Curbera; vicesecretario, don Juan Docet Ríos;  tesorero, don Enrique Cons Martínez; contador, don Roberto Fernández Valenzuela; vocal primero, don Baldolomero Concejo Coslino; idem segundo, señorita María Luisa Docet Ríos; idem tercero, don Victoriano Miguélez Tristán.

               Entre los numerosos acuerdos tomados merece destacarse la formación de equipos de hockey de ambos sexos (EPG, 09/02/1933).

A proclamación da Miss e a súa relación co “Vértice”

                O 14 de febreiro de 1933, El Pueblo Gallego publica en portada a foto de Miss Docet, recén coroada Miss Galicia, e poucas páxinas máis adiante anuncia a súa saída cara a Madrid para concorrer a Miss España. O 23 de febreiro, este mesmo xornal proclamaba en grandes títulos:  

             Neste mesmo exemplar, grazas a un telefonema co que a propia Miss contesta a outro da redacción d' El Pueblo Gallego, lemos: "Emilita Docet ofrenda su triunfo a Galicia. A este despacho ha contestado la gentil "Miss España" con un telefonema altamente expresivo (...). Dice: "Gracias a todos por y para Galicia. ¡Viva Vigo!" (EPG, 23/02/1933). Tres días despois do triunfo, Emilita chegaría a Vigo. A partir deste momento a actividade pública da Docet vai ser frenética: non haberá evento, sociedade ou festa que non reclame a súa bondadosa e fermosa presenza. Así, por exemplo, o 8 de marzo, El Pueblo Gallego difunde a recente constitución da "Federación Gallega de Hockey" e mostra varias fotos de Miss Docet ao ser esta a encargada o "kick-off" do match Celta-Atlhetic en Balaídos.

             Ora ben, non todas as persoas que a requirían gozarían dos mesmos privilexios que o “Vértice”. Logo, tal e como anuncia a imaxe, Miss España, indisposta para atender os seus actos públicos, recibía na súa casa á xunta directiva do “Vértice”, e a sociedade lograba recoller dos seus labios a promesa de xogaría ao ‘hockey’ canda eles (EPG, 11/03/1933).

 

            Quince días despois, o 26 de marzo é cando atopamos o anuncio que presentamos ao inicio deste INTERLUDIO CONTESTARIO:

MELLA-BAENA. SOMBREROS DE SEÑORA. La casa que presenta la colección más completa de modelos de las mejores firmas. García Barbón, 10. En esta casa adquirió  MISS ESPAÑA todos los sombreros que ha llevado a Madrid y los que lucirá durante la Semana Portuguesa. (EPG, 26/03/1933).

        A particularidade desta sombreirería é que estaba conformada por fillas de Ricardo Mella e mais por Carlota e Maruja Baena Fernández, tías de Humberto Baena, o último fusilado do franquismo... Historia que teremos que abordar nunha outra Epifanía.

                     A mediados de maio, Emilita sae cara a Madrid "en pos del título de "Miss Europa", suprema consagración de la belleza femenina" (EPG, 14/05/1933). Porén, Docet terá que contentarse co premio á "Armonía de proporciones" e o título de Miss Europa iría para a rusa Tatiana Marlow (EPG, 30/05/1933). No entanto, ao día seguinte da proclamación, o mesmo xornal, publicaba unha reportaxe titulada "Emilia Docet, reina de derecho" que, de certo, evoca unha imaxe ben fermosa e humana da Miss:

Emilia tiene menos de veinte años; acaso le faltan para cumplirlos dos o tres. Es casi una niña, y se halla en la edad de la exaltación del amor propio. Llegar a ser elegida casi en la adolescencia reina de la belleza de una nación, tener corazón de mujer, sentir por todas partes el aplauso y la aclamación y no enorgullecerse y no mostrar hostilidad a sus posibles rivales es algo tan insólito, que merece ser señalado con piedra nítida (EPG, 31/05/1933).

                 O 3 de xuño de 1933, novamente é El Pueblo Gallego o que publica a sonada entrevista onde Emilia declara pertencer ao Partido Galeguista e mais que "la mayor alegría de mi vida será el día en que a nuestra tierra se le conceda su Estatuto" (EPG, 03/06/1933). Agora ben, curiosamente, a páxina que pecha esta mesma edición publica unha carta que, con certo tono de indignación ante o resultado da elección final de Miss Europa, asinan Isabel Izquierdo Collazo, Benigna R. Alonso, Rosa Izquierdo, Blanca Sánchez, E. Serrano, viuda de Mella, A. M. Serrano, C. Baena e R. Andrade; para promover unha homenaxe de Galicia a Docet. Logo, tamén temos a Esperanza Serrano e probablente a súa filla Alianza [unha das da sombreirería] involucradas nesta proposta [descartamos a Alberto dado que as asinantes semellan ser todas mulleres e a Alicia por ser moito máis nova que Alianza].

            Ao tempo, durante estes meses os partidos de ‘hockey’ do “Vértice” se suceden e grazas á prensa sabemos como transcorren. Logo, por exemplo, en xuño, o Faro de Vigo relata:

              Vértice y Sociedad Atlética, los únicos rivales que existen en la región, concluyeron empatados uno a uno, el match final, después de unos interesantes setenta minutos, en los que la pelota se pasó tanto por la puerta excelentemente defendida por Santoro, como por la que con tanto celo como acierto guardaba Jorge Mella (...) Así como no hubo vencedores ni vencidos, tampoco existieron figuras destacadas a lo largo del match. (...)

            En las gradas, continúan las gentiles chicas de Vértice poniendo cátedra de "hincha". ¡Y así, es completamente imposible ganarles un partido! (FdV, 07/06/1933)

        Ou tamén é posible lermos na La Zarpa a formación dos equipos doutro partido que tería lugar en Ourense poucos días despois do anterior (na imaxe La Zarpa, 11/06/1933):

     

       Vértice: Lila M. Valeiras, O. Gónzalez, Docet, Lala, M. Salgado, N. Monserrat, Kina Presa, E. Yañez, C. Docet y Salgado.

      Atlántida: Rula, Carola, M. Morais, Nini, Rosina, Floria López, Gringa, Lourdes, Virucha Tapias, Margarita Alonso y Margarita Tapias. (La Zarpa, 10/06/1933)

         Así e todo, tanto Emilia como o resto da súa familia [e tamén os Mella] practicarían outros deportes... E, causualmente, localizamos a Miss xogando co equipo de tennis do “Vértice” e acompañada por Jorge Mella (FdV, 12/08/1933 e 15/08/1933, respectivamente):

        Fóra deste tecido persoal e regresando á Miss, co día de Galicia chegaría o anhelado e célebre mitin das Arengas que contaría coa presenza de Emilia e mais de Mercedes Docampo (na imaxe EPG, 25/07/1934).

        Porén, o que máis nos sorprendeu até o de agora no tocante á relación de Emilia co galeguismo é que, malia rexistrarmos un bo feixe de actos públicos onde están presentes tanto Emilia como Núñez Búa, aínda non demos con ningún onde coincidisen os dous xuntos.

              O 1 de setembro de 1934, Ramiro Díaz Baliño inauguraba en Vigo, a súa exposición "Siluetas" [de madeira] nos salóns do Faro de Vigo e esta era promocionada como:

Se trata de una interesante modalidad, de originalidad indiscutible, en la que su autor está obteniendo grandes éxitos. Últimamente, en La Coruña, el exito del joven artista fue tal que la exposición tuvo que ser prorrogada, vendiendo el artista, todo lo expuesto (EPG, 01/09/1934).

      Unha semana máis tarde [con Asturias xa caldeada] e a un día da clausura desta exposición lemos: "Ayer tuvo lugar en la exposición de siluetas en madera que instaló el artista coruñés Díaz Baliño, la fiesta en honor de los clubs femeninos de Hockey, Vigo y Atlántida" (EPG, 09/09/1934).

            Este mesmo 9 de setembro de 1934 tiña lugar en Praia América un partido de selección para celebrar o «Día del Hockey». Até o de agora non termos constancia pola prensa de que “Vértice” participase nel; mais grazas a que unha lúcida e habilidosa muller atesourou unha curiosa medalla con esa data, sabemos que dalgún xeito a familia “Vértice” estivo representada nese ‘match’ que Vida Gallega (20/09/1934) -a través de Pacheco- perpetuou así:

              

Coda: work in progress, always Máis Alá!

    

            Con elas despedimos até ter unha mellor perspectiva desta trama sociocultural e deportiva. Quen seguiu o fío das Epifanías Libertarias sabe que íamos camiño de Al-Ándalus con Ricardo Mella Cea e que este desvío foi tan involuntario como necesario dado o  ESCÄNDALÖ·

           Enténdanme, despois de atopar as controversias entre Ricardo Mella e Pablo Iglesias alá polo Madrid de 1885, iamos no ferrocarril cara a Andalucía e con moito outro traxecto de Mella por desmitificar. Logo, por exemplo, o encontro en 1900 de Ferrer i Guardia con Mella en París e que provoca a colaboración do vigués co proxecto da «Escuela Moderna» de Ferrer é un dos temas que nos cumpriría estudar antes de entrarmos neste período da IIª República. Con todo, aínda que trataremos esta polémica nalgunha Epifanía, adiantamos que a oposición Mella-Ferrer é produto da historiografía e non da realidade: Mella colabora con Ferrer e coa «Escuela Moderna» e publica as teorías sobre a educación neutra anos despois do asasinato do seu colega catalán. Se ben este encontro non ten que ver con relato de Docet, mencionámolo porque queremos que comprendan que toparnos con este lea histórica, onde a vida de Miss Docet vai entretecida con toda unha banda de Mellas e Díazs e do que ninguén nunca dixo nada, levounos a embarcarnos irremediablemente nesta singradura, impelidas primixeniamente pola mistificación e secuestro de Manoel Antonio executado polo Sr. Axeitos.

              De Mella a Docet, as Epifanías Libertarias responden a unha inefable luz que escintila en nós cando coñecemos estas realidades que tentaron ser borradas da Historia de Galicia e como o escándalo social actual e histórico é tal, algunha ten de ser a resposta. Desmitificar a figura de Manoel Antonio ou de Emilia Docet non forma parte dunha cruzada persoal nin contra o galeguismo nin contra Galicia, senón todo o contrario posto que cremos con Mella que só a verdade poderá emanciparmos. Agora ben, non aceptamos que unha mentira mil veces repetida pase a ser verdade universal, porque dese xeito non lograremos a desexada emancipación. Con Malandrómeda aprendemos que hai moitos mundos dentro deste mundo e grazas á cortesía de Mr. Topo, que nos agasallou con ferramentas e azos para descubrilos, demos en lanzar este INTERLUDIO CONTESTATARIO.

           Conforme ao galeguismo de Docet nin o afirmamos nin o desmentimos porque non temos a suficiente información para facelo. Máis ben, o que desexamos é incitar a reflexionar sobre esta outra faceta da Miss e da historia de Vigo. Sábese que Miss Docet foi unha gran deportista, pero en realidade semella que ninguén esbozou con claridade este aspecto e, na nosa opinión, a relación da familia Docet co mundo do deporte dá para unha tese. De feito, ante esta intensa vinculación, consideramos a Emilia máis deportista que galeguista e, por extensión, afirmamos que a Miss gozaría dun vínculo moito máis forte coa familia Mella que con Castelao ou Otero Pedrayo: afinidade que habería que en conta en calquera reseña biográfica da bela Emilia.

      Sinceramente que fose galeguista ou deportista non nos interesa tanto coma que fose feliz e lamentablemente sospeitamos que a guerra civil e a ditadura truncou durante varios anos o noso desexo. Pola nosa banda, animamos ao estudo de Emilia dende unha perspectiva plural e en maior profundidade posto que nós só relatamos unha pequena parte da historia dos Docet e xa estamos comprometidas coa familia Mella. De feito, seguramente non entraríamos a desenvolver esta outra historia da Miss de non ser pola súa unión cos Mellas e mais pola cálida resposta que nos brindou a estirpe Mella ao informala deste esquecido vínculo. Desta sorte, impresionadas polo fermoso recibimento mellano [que nos permitiu coñecer a medalla do «Día do Hockey» do 9 de setembro de 1934 e outras delicias históricas] entramos a xogar ao ‘hockey’ herba sen case darnos conta e con escaso entrenamento previo.

            Engadiremos só un breve epílogo, tan molesto como habitual: dous anos despois do final do noso relato (1934), a guerra civil española [case] acabaría con este tecido vital, social, cultural e deportivo. Algunhas das persoas desta historia abrigarían sen remedio o réxime mentres esperaban o pronto final deste, outras fuxirían e farían unha nova vida fóra de España. Porén, Jorge Mella Serrano, o fillo máis pequeno do anarquista vigués e importante persoeiro da historia da sociedade “Vértice”, desaparecería durante a guerra sen que aínda saibamos nin onde nin como acabou. Por iso hoxe, en outubro de 2017, e ante a renovada histeria nacionalista que agroma en España, nós berramos canda as rúas, Rosa Luxemburgo e Ajoblanco:

SOCIALMENTE IGUAIS, HUMANAMENTE DIFERENTES, TOTALMENTE LIBRES

            E porque confiamos no poder da palabra de RM para lograr a máxima anterior,  pechamos este «INTERLUDIO CONTESTATARIO S. O. S. MANOEL ANTONIO» cuns apuntes bibliográficos que inclúen  "Las Fronteras" e "Ejército e Polícia", posto que somos da opinión de que se a Natureza non acaba connosco antes, nalgún momento teremos que aprender a autoregularnos e respectarnos.

 

A Jorge Mella Serrano, in memoriam

            Deixamos 1933 e entramos en 1934, ano en que ten lugar o mitín das Arengas onde participa Docet. Mais antes de chegar a ese acto, cómpre sabermos que en marzo cambia a xunta directiva da sociedade “Vértice” e queda conformada por: presidente, José Cancela Ferro; vicepresidente, Rafael Tapias Curbera; secretario, Jorge Mella Serrano; vicesecretario, Gonzalo Nóvoa; contador, Mario Mella Serrano; tesorera, Lila Vázquez; vocal primero, Concha Docet; vocal segundo, Lela Iglesias y vocal tercero Werner Kranse (FdV, 07/03/1934). Xa que logo, polo que levamos visto a relación da familia Mella coa Docet tivo de ser bastante intensa. Malia que en xeral, a sociedade “Vértice” semella que foi un potente núcleo de amizade e tamén de amor, posto que varias das persoas que o conformaban acabarían emparentando entre elas. Neste 1934 aínda que Emilia xa non era oficialmente a miss do ano, seguía a acompañar actos coas misses. Daquela, localizámola en Ferrol baixo o titular "Miss Galicia, Miss España, Miss Vigo y Miss Coruña asisten al gran festival del Rancing y son colmadas de atenciones". Así, nesta festa que o Racing de Ferrol dedicou en honor de Filo Pérez Alcántara, Miss Galicia 1934, tamén asistiría Emilia e participaría activamente no "match de hockey". Escoitamos parte da crónica:

           Finalizado el partido anterior dió comienzo el de hockey, entre los equipos mixtos del Vértice, de Vigo. (...) La alienación fué la siguiente.

           Vértice A: Carmen Carrera, Emilia Docet, Luis Pereira, Ricardo Lago, Lela Iglesias, Nini Salgado, Victoriano Miguel, Maruchy Lago, José Díaz, Obdulia Arias y Juan Docet.

         Vértice B: Jorge Mella, Pedro Mella, Teresa Carreras, Olimpia Gónzalez, Fernando Díaz, María Luisa Docet, Marita Gallego, Carlos Tapias, Pepe Díaz, Olga Fernández, Mario Mella y Carmiña Iglesias. El grupo A "sucumbió" ante el B, por la mínima diferencia de un goal. Arbitró el partido Cecil Howen. (EPG, 15/05/1934).

 

          En resumo, unha gran familia da que sairían distintas parellas e onde se unirían distintas xeracións. Así, por exemplo, o devandito Pedro Mella era fillo de RM Junior e mais de Lucilia Torres. E Lela Iglesias casaría con Fernando Díaz, fillo de Fanny Mella Cea...

Bibliografía [orde cronolóxica]

Libros

Axeitos, Xosé Luís (2017).  Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Vigo: Xerais.

Publicacións periódicas

El Pueblo Gallego, Vigo, 13/05/1925

 28/08/1926

 02/09/1926

 28/08/1926

 26/01/1928

 22/06/1929

El Heraldo de Madrid, Madrid,  03/08/1929

El Pueblo Gallego, Vigo, 17/11/1929

El Eco de Santiago, Santiago de Compostela, 16/03/1931

El Pueblo Gallego, Vigo, 01/10/1931

Vida Gallega, Vigo,  20/11/1932

El Pueblo Gallego, Vigo, 10/12/1932

 14/02/1933

 09/02/1933

 23/02/1933

 11/03/1933

 26/03/1933

 14/05/1933

 30/05/1933

 31/05/1933

 03/06/1933

Faro de Vigo, Vigo, 07/06/1933

La Zarpa, Ourense, 10/06/1933 

        11/06/1933

El Pueblo Gallego, Vigo, 10/08/1933

Faro de Vigo, Vigo, 12/08/1933

      15/08/1933

       07/03/1934

El Pueblo Gallego, Vigo, 15/05/1934

25/07/1934

01/09/1934

09/09/1934

Vida Gallega, Vigo,  20/09/1934

El Pueblo Gallego, Vigo, 10/12/1934

Faro de Vigo, Vigo, 20/04/2013

bottom of page