I. Discernimento SorPresa a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía
S.O.S. Manoel Antonio, o secuestro continua
No vengo como el maestro a dar lecciones; vengo simplemente a ejercer cerca de mis compañeros un derecho indiscutible, el de la crítica. Perdónenme aquellos autores a quienes haya de advertir en el curso de este estudio, y que mis palabras le sirvan de incentivo benéfico para seguir en sus provechosos estudios. Tal es al menos mi propósito. (...) Así entiendo yo que debe procederse siempre, y sobre todo entre los que nos preciamos de verdaderos revolucionarios. (Hope en Revista Social, Sans, 27/08/1885)
En 2010 El País publicaba "Manuel Antonio Liberado" dando conta da extensa colección de papeis atesourados polo rianxeiro que ían ser por fin divulgados mediante a edición da súa Obra Completa en tres tomos: Poesía, Prosa e Epistolario. En 2015 [residindo nós fóra do país] finalizouse o proxecto anunciado e mais a "liberación" da Obra Completa de MA. En 2017, de volta en terras galegas e insatisfeitas polos parcos contextos, a ínfima -e repetitiva- información das notas a rodapé e o escaso número de fotografías do material orixinal que ofrenda o editor da Obra Completa, cuestionámonos como fora posible comprimir semellante tesouro en tan só tres tomos e, neste xullo, fixamos rumbo na procura de respostas. De tal sorte que demos cos Diarios de Navegación de Manoel Antonio e mais coa "súa" colección hemerográfica e multiplicamos as nosas preguntas: por que o Sr. Axeitos deixara os Diarios de Navegación fóra da Obra Completa de MA? por que non había na Obra Completa unha descrición do copioso acervo de MA?
Ao ler en setembro a súa biografía e nela a adaptación ao galego dos "Acaecimientos" durante as singraduras do Constantino Candeira, facilmente respondemos estas cuestións. Agora ben, tras acertar coa entrevista que encabeza estas liñas [Sermos Galiza, 27/07/2017] e comprobar que hai máis textos inéditos de Manoel Antonio dos cales o Sr. Axeitos vai apropiarse para o seu próximo libro [Marginalia], quedamos atónitas. Non conformes nin coa futura apropiación de inéditos anunciada para Marginalia nin coa limitación que supón coñecer os Diarios de Navegación dende a óptica do Sr. Axeitos, demandamos unha outra edición da Obra Completa de «Manoel Antonio» ao quedar a actual FLAGRANTEMENTE INCOMPLETA e que a nova publicación se asigne a outra persoa/grupo [dada a peneira executada polo Sr. Axeitos a.k.a ‘o último secuestrador de MA’].
Da falacia da rigorosidade: eivas e clamorosas ausencias
Concordamos co Faro de Vigo e máis co Sr. Xosé Ramón Pena en que “precisabamos unha BIOGRAFRÍA [sic] coma esta” (Faro de Vigo, 5/10/2017), cando menos, para entrar en calor. Con todo, até o de agora, o dicionario da RAG define ‘rigor’ como «calidade do que é rigoroso» e, ‘rigoroso’ [en 3ª acepción] como «realizado con toda a exactitude e perfección posibles».
Así pois, ou falla a definición da RAG ou non entendemos que é o que os señores Axeitos e Pena interpretan por ‘rigor’. Pola nosa banda non vamos ser rigorosas na crítica, polo menos no seu 1º sentido «que obra ou xulga de maneira severa, sen benevolencia e sen facer excepción» posto que a nosa listaxe é maior có noso tempo e non buscamos causar especial agravio, senón LIBERAR A MA. Emporiso, un compromiso persoal obríganos a indicar unha serie de erros e elipses que denotan falta de rigor académico e derivan na manipulación ideolóxica da memoria rebelde de Manoel Antonio.
Desta guisa, principiamos polas faltas e localizamos a primeira na páxina 12, onde o Sr. Axeitos tras referir o tesouro de Manoel Antonio ao que tivo acceso sinala: "Non nos evitou, non obstante, esta rica documentación a peregrinación por diversos arquivos de Galicia na procura de datos: Arquivo Diocesano, (...) Escola de Náutica de Vigo" (Axeitos, 2017: 12). En relación ao Diocesano, sobreentendemos que sería o de Santiago, mais ao existiren tamén o de Ourense, Lugo, Santiago e Tui, cumpriría especificar por cal deles pasou. No tocante ao arquivo da «Escuela de Náutica de Vigo», aseguramos a imposibilidade desta visita posto que toda a súa documentación foi enviada a Bilbao trala clausura desta escola en 1924, sen que hoxe sexa posible localizar o seu acervo documental en Galicia [Vid. Epifanías Libertarias Vol.1].
A segunda das eivas vai ligada á ausencia de referencias da obra fonte na abundante cantidade de citas doutros libros/autores/escritos que inclúe o Sr. Axeitos, xa que non comprendemos que quere dicir iso de que "por razóns comunicativas, non figuran as fontes" [Sermos Galiza, 27/07/2017]. Neste ámbito, dada a esixencia do profesorado universitario en relación coas pautas que o alumnado debe seguir cando insire textos doutra autoría ou libro nun traballo académico, sorprende o reiterado costume do Sr. Axeitos de omitir este punto cando na universidade implica suspenso, ou cando menos, a obriga de incluír a referencia fonte para poder superar a memoria presentada. Logo, ao revisar a produción do profesor Axeitos dende Manuel Antonio (Xunta de Galicia, 2000) a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017) descubrimos un contínuum metodolóxico onde a tendencia é a de prescindir da referencia da fonte. No entanto, isto non sucede sempre, visto que contra o final da súa última ‘biografría’ topamos unha (Axeitos, 2017: 229) que fixo que nos preguntaramos seriamente polo resto. Ben que, en realidade, esta dúbida xa agromara en nós -ao comezo do libro- tras lermos unhas liñas dunha carta de MA a súa nai (Axeitos, 2017: 58) que non encontramos no tomo III da ‘Obra Completa’.
Intimamente ligada á carencia anterior, está a seguinte e sitúase no capítulo "Bibliografía". Á vista desta botamos en falta a bibliografía que empregou o Sr. Axeitos para documentarse na súa obra, ao non observarmos inventario ningún nin do material que manexou na Fundación Barrié nin tampouco do que se atopou na súa "peregrinación por diversos arquivos" (Axeitos, 2017: 12). De por parte, a sección "bibliografía primaria" [que non segue unha orde lóxica] presenta un divertido diálogo de notas: “Lamentablemente falta o artigo de Manuel Antonio «Sin...» publicado en La Zarpa (...)” (Axeitos, 2017: 264). Catro páxinas máis adiante inclúe nunha listaxe o artigo «Sin...» e indica noutra chamada: “Todos estes traballos están publicados, xunto con outros inéditos, na (...) Obra Completa. Prosa, edición de Xosé L. Axeitos (...)” (Axeitos, 2017: 268). Finalizamos a lista de eivas co apartado "Crono-bio-bibliografía de Manuel Antonio". Deste capítulo compartiremos só un erro -a modo de exemplo- e declaramos o noso asombro por ser este COPIA LITERAL da incluída na Obra Completa. Prosa. Desta sección [da cal -dende o 2012- non adiviñamos o criterio seguido para indicar ou non o día dos feitos recollidos], advertimos que en 1923, o primeiro suceso relatado data do mes de abril e o último que sinala para ese ano ocorre en xaneiro (Axeitos, 2017: 290-291).
Internámonos agora na observación do texto atendendo ás súas clamorosas ausencias, posto que o Sr. Axeitos na "Introdución" do libro adianta que a súa escolla metodolóxica busca: “singularizar a existencia de Manuel Antonio dentro do contexto socio-cultural que lle tocou vivir”, sabedor de que “a auténtica biografía dun escritor está nos seus propios escritos” (Axeitos, 2017: 9).
Somos da opinión de que o Sr. Axeitos cumpriu moi deficientemente a súa misión, tanto ao singularizar a existencia de Manoel Antonio no seu tempo coma no emprego dos seus textos para trazar a biografía. Non só pola selección, senón porque texto e contexto van ligados a unha evolución persoal que non se pode entender de non seguirmos un criterio cronolóxico. Asemade, o contexto sociocultural descrito polo profesor Axeitos prescinde de lugares de socialización básicos como o «Centro Republicano de Santiago» ou o «Ateneo de Vigo», moi presentes na cartas do poeta e, polo tanto, nos seus escritos. Non nos cabe dúbida de que o contido dunha biografía obriga a seleccionar e non é posible incluír todo o material existente/desexado. Porén, neste caso, aseguramos que o totum revolutum elaborado polo Sr. Axeitos mediante a [des]organización e selección de sucesos e textos, responde a un evidente intento de manipular a memoria e mais a ideoloxía de Manoel Antonio para circunscribila de xeito exclusivo ao ‘nacionalismo das Irmandades’. Doutro modo non se comprende por que o profesor Axeitos deixa para o final o asunto da disputa pola bandeira (1921) xunto co manifesto Máis Alá! (1922) e, menos aínda, a súa afirmación sobre o Máis Alá!: “Se non é importante para definir a poética do rianxeiro, si é fundamental desde o punto de vista da recepción, dadas as reaccións que provoca” (Axeitos, 2017: 224).
Con todo, o máis curioso é que o Sr. Axeitos tenta transmitir unha exclusiva filiación nacionalista-independentista de MA e, ao mesmo tempo, afirma o seu evidente desengano co ideario das Irmandades. De aí que consideremos hilarante -en grao sumo- a súa declaración "non lle saco importancia" ao anarquismo de MA, cando a única referencia explícita á anarquía na súa biografía di: "E quere facer estalar a rebeldía soterrada do pobo con accións estridentes e non descarta a solución anarquizante e romántica da bomba e do revólver. Cousas de Manuel Antonio" (Axeitos, 2017: 36).
Máis extravagante, se cabe, é como segue a resposta do Sr. Axeitos [Sermos Galiza, 27/07/2017] en relación á xente que inflúe no achegamento de MA ao anarquismo e, por conseguinte, na súa pseudo-ruptura co nacionalismo galego.
Internámonos pois na última parte da nosa crítica a Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía e retomamos a viaxe no capítulo "Navegante" posto que a selección de información dos Diarios de Navegación por parte Sr. Axeitos resulta subxectiva, insuficiente e as imaxes destes: un insulto á vista. Sen dúbida, estes Diarios de Navegación, malia estar escritos en castelán, son altamente elocuentes ao ilustrar os diferentes ritmos de vida do mariño e trazar con precisión unha importante etapa do seu mapa vital: razóns abondo suficientes para requirirmos a súa divulgación en facsímile -ben sexa en formato dixital ou físico- e facilitar así que calquera persoa interesada en estudar a MA poida acceder a eles integramente. Ademais, deste capítulo, posto que non coincidimos coa baixa consideración que lle achega o profesor Axeitos aos estudos que cursou MA na «Escuela de Náutica de Vigo», gustaríanos aclarar que, malia non seren estudos universitarios, o seu prestixio non debeu ser tan baixo como o Sr. Axeitos esboza porque os fillos das familias máis representativas do entorno vigués estudaron tamén nela: Torres Quiroga, Curbera, Tapias, Molins, Oya ou Montenegro [detalle presto observable de ter consultado o Sr. Axeitos o arquivo da «Escuela de Náutica de Vigo»].
Do apartado "Formación e lecturas" impresionan tanto os baleiros coma a inclusión de material que non é de MA e, sobre todo, que este capítulo forme parte da devandita biografía e non da Obra Completa de MA. Así e todo, nesta sección convimos co Sr. Axeitos en que actualmente "pesan bastante máis as credenciais do saber que o propio saber" (Axeitos, 2017: 80). Ora ben, non concibimos que o copioso acervo de recortes e xornais atesourados no fondo de MA se nos relate tan parcamente, porque sabemos que hai máis de douscentos poemas retallados e outro tanto de xornais e tamén de soltos de carácter literario/sociocultural, onde cada un deles alberga un posible soño ou inquedanza de Manoel Antonio que o pobo galego -e o de máis alá- ten dereito a coñecer. Logo, por exemplo, non captamos a razón que leva ao Sr. Axeitos a non falar da existencia de exemplares do Faro de Vigo [nomeadamente o do 25/07/1926 con exquisita portada de Camilo Díaz Baliño] ou de números do xornal La Nación de Bos Aires. E, pola contra, a incluír na súa listaxe El Ideal Gallego cando a subscrita a este xornal era Purificación Sánchez ou sexa, a nai de MA. Pero, á fin, o que máis nos alporiza deste episodio é a afirmación do Sr. Axeitos: "os aproximadamente cincocentos libros que constitúen a biblioteca de Manuel Antonio" (Axeitos, 2017: 113). Ulos? Sr. Axeitos sería tan amable de compartir ese inventario da biblioteca de MA connosco?
Rematamos a nosa crítica co episodio "A familia e outros ancoradoiros sentimentais", capítulo que nos avivou máis interrogantes. Primeiro, pola acostumada querenza do Sr. Axeitos á falta de coherencia cando ofrece datas, estupenda para dificultar o entendemento e embarullar o discurso (Vid. Axeitos, 2017: 48) e, segundo, polo seu propio contido. A propósito deste, cavilamos, por exemplo, en por que o Sr. Axeitos menciona tan superficialmente o xuízo por envelenamento que tivo que sufrir o avó de Manoel Antonio, ou tamén, en por que exclúe da súa narración a causa por "supuesto delito de sedición" onde foron encartados o pai e mais o avó de Manoel Antonio (El Pensamiento Gallego, Santiago, 14/06/1897).
A relación entre Manuel Sánchez [tío materno de MA] e Manoel Antonio tamén se nos antollou un tanto misteriosa, mais polo de agora non temos datos para disentir da palabra do Sr. Axeitos (Vid. Axeitos, 2017: 51). Con todo, do episodio familiar, o que máis nos estraña é a dilatada información acerca dos tíos maternos de MA, Xosé Sánchez Vázquez e Valentín Losada Vázquez, en contraposición á exigua reseña dos seus curmáns paternos Rogelio Pérez Gónzalez [Roxerius] e José Pérez Gónzalez [Pepito], xa que a diferenza de idade e de ideoloxía entre eles implica un maior grao de camaradería de MA cos seus curmáns que cos seus tíos. Así, se no ano 2000 o Sr. Axeitos falaba de Pepito como "curmán de Manoel Antonio e irmán de Roxerius, fotógrafo de sona, autodidacta, protagonista das mellores -e únicas porque non hai outras- imaxes de Rianxo e inventor dunha das primeiras industrias da vila: unha fábrica de gaseosas" (Axeitos, 2000: 15), neste 2017 non lle dedica nin sequera un apartado en exclusiva. En troques, toda a correspondencia coñecida de MA mostra como Pepito é interlocutor, confidente e continuo colaborador de MA. De aí que non comprendamos o minúsculo achegamento por parte do Sr. Axeitos á familia paterna en xeral, e a Pepito en particular. Non en van serán Roxerius e Pepito os que abriguen as ideas que o seu curmán impulsara neles en vida, e enarboren a bandeira do galeguismo trala morte do mariño.
Dende logo, son moitas máis as lagoas e as preguntas cando falamos tanto da familia coma das amizades ou da vida e obra de MA, pero para solucionalas haberá que aplicarse en trazar unha outra biografía e para iso cómpre antes libertar a Manoel Antonio do que até o de agora semella ser un interminable rapto.
Desenlace: S. O. S. MA continua secuestrado. Último raptor: X. L. Axeitos
En conclusión, Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía nin é unha obra escrita con rigor nin exterioriza a realidade vital e literaria de Manoel Antonio, senón que presenta un amplo abano de erros e omisións e está viciada polos propios ideais do Sr. Axeitos. O máis interesante de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía reside nos textos inéditos que forman parte dos Diarios de Navegación de MA e mais na pseudodescrición do seu acervo documental custodiado na Fundación Barrié (A Coruña). Porén, tanto os Diarios coma o inventario do acervo deberían formar parte da obra completa de MA e non da devandita biografía nin de ningún próximo libro do Sr. Axeitos. Así pois, o profesor Axeitos, académico asignado pola Real Academia Galega para editar a obra completa de Manoel Antonio, cumpriu arbitrariamente co seu cometido e deixou fóra da xa finalizada Obra Completa textos e información inédita de MA para empregala agora en beneficio propio. Esta realidade, que pode parecer unha broma dada a continua denuncia clamada polo Sr. Axeitos ante o secuestro de MA por parte da familia García-Sabell, demostra que el mesmo se converteu no novo raptor de Manoel Antonio.
Manoel Antonio desexaba ser libre, e libre o queremos. Non comungamos con este novo secuestro nin aceptamos que a obra completa de MA siga INCOMPLETA. Por esta razón solicitamos que se designe de inmediato a unha outra persoa/grupo para deseñar unha nova OBRA COMPLETA onde se inclúa a totalidade da produción de Manoel Antonio sen ningún tipo de exclusión e onde se ofreza o inventario completo do acervo documental custodiado na Fundación Barrié. Asemade, instamos a Real Academia Galega a que impulse un convenio coa Fundación Barrié que permita que a documentación de Manoel Antonio sexa dixitalizada integramente e liberada ao público a través da web Galiciana, para abrir internacionalmente as portas ao estudo de MA, grazas á conexión deste portal con Europeana. De non seren atendidas estas peticións, a Real Academia Galega demostraría ser unha institución corrupta e incompetente, ao permitir que baixo a súa tutela a edición da obra de Manoel Antonio -o vangardista galego por excelencia e autor do primeiro texto libertario en lingua galega rexistrado até este momento- quedase INCOMPLETA grazas á neglixencia premeditada do seu editor, o Sr. Axeitos. Emporiso, queremos confiar en que non vai ser así e que pronto poderemos ter a MANOEL ANTONIO LIBRE.
O Sr. Axeitos revelounos ao seu "Manuel Antonio", agora desexamos coñecer a MANOEL ANTONIO e mais a súa OBRA COMPLETA e alertamos de que somos pertinaces [e rabudas] nos nosos propósitos. De feito, animamos a todo o pobo galego e ao de máis alá a denunciar este último secuestro e a SOLICITAR A INMEDIATA LIBERACIÓN DE MANOEL ANTONIO.
Bibliografía [orde cronolóxica]
Libros
Axeitos, Xosé Luís (2000). Manuel Antonio. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Pérez Sánchez, Manuel Antonio (2012). Obra Completa. Prosa (Ed. X. L. Axeitos Agrelo). A Coruña: Fundación Barrié.
Pérez Sánchez, Manuel Antonio (2015). Obra Completa. Epistolario (Ed. X. L. Axeitos Agrelo). A Coruña: Fundación Barrié.
Axeitos, Xosé Luís (2017). Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Vigo: Xerais.
Publicacións periódicas
Revista Social, Sans, 27/08/1885
El Pensamiento Gallego, Santiago de Compostela, 14/06/1897
El Libertario, Gijón, 07/09/1912
El País, Madrid, 19/10/2010
Sermos Galiza, A Coruña, 27/07/2017
Faro de Vigo, Vigo, 5/10/2017
Recursos electrónicos
Malandrómeda (2000), Os estranos sempre traen malas novas. Internet álbum. malandromeda.com
RAG (2012), Dicionario (última consulta 11/10/2017)
http://academia.gal/dicionario
Sor Presa (2017), Epifanías Libertarias (volume 1 e 2)
Por favor, pode alguén facilitarnos algunha información acerca dos anarquistas ‘Moledo’ e ‘Marín’? Gustaríanos saber máis deles con esas indicacións non os recoñecemos. Será que o Sr. Axeitos se refire a Urbano Rodríguez Moledo, o socialista nado en Marín, que no seu Dolmen dedica un poema a Ricardo Mella? Secasí, pola nosa banda, neste INTERLUDIO CONTESTATARIO non repetiremos nin a clase de anarquismo de MA [é Ünico] nin tampouco os textos e razóns que temos para ratificalo, así que remitimos ao Vol. 2 destas Epifanías a quen teña interese en internarse nese campo de estudo. No entanto, á listaxe de escritos que presentamos naquel volume engadimos agora «Ateneísmo» de MA, para comprobarmos até que punto a súa vivencia do «Ateneo de Vigo» tería influído nel:
Eu non sei si non se ten dito xa, que non hai cousas boas nin malas, sinón que hai cousas axeitadas ou non axeitadas ó seu fin. Non sei si se ten dito, pero si non digo eu agora, por que parece-me que é unha verdade d'as de ter en boa conta.
E falando de cousas axeitadas ou non axeitadas non me estranaría que alguén preguntase a que ven ó conto comezar d'ista maneira. É pol-o seguinte: as grandes cidades contan con ises centros de cultura, oas Ateneos, onde n-unha tribuna pública os homes de sabiencia superior, e aínda aqueles que non-o sendo teñan algo que enseñar a quen lles escoita pronuncian confrenzas, fan disertacións, e orga[n]izan controversias encol d'os problemas que decote cautivaron o intrés d'as xentes. Ten ademais todo Ateneo, unha mais ou menos numerosa biblioteca, onde todo home ávido de saber poida pol-a sua conta dirixir unha ollada ó mar eternamente inexplorado d'os conocimientos humáns. Que dúbida cabe de que con istes elementos un Ateneo será unha cousa boa? Pero vel-eiquí que con iso non abonda. Si quixer ter algunha eficacia, dar o seu rendimento, ser froitífero, chegar, nunha palabra a cumplir o seu fin, é mester que, ademais de ser bo, sexa axeitado, apropiado, que encadre ben n-o seu lugar. Pensade, sinón, pra que nos serviría un Ateneo en Rianxo? que gañaría a cultura xeneral n-a nosa vila con que un señor cheo de ciencia e d'elocuencia viñese a espricarnos as teorías relativistas d'o Dr. Einstein ou as ideas crítico-históricas d'o Dr. Spengler? Nada, non gañaríamos nada. Moito mellor resultado tería e serviría-nos de moito mais un modesto centro instrutivo onde falando de todo un pouco, dentro d'a medida que permitan os nosos conocimientos e as nosas posibilidades, se trata-se de desbotar algo tan vergonzoso como o analfabetismo e os seus denigrantes resultados. Un centro onde o intrés de todos, os que enseñasen e os que aprendesen, consegui-se facer que antré nós escasease cada vez máis ise tipo de home que pasa pol-o mundo facendo o seu viaxe como as maletas n-o furgón do tren: sin enterar-se de nada.
Ben vedes, pois, que anque a miña cultura me permitise, que xa non m'o permite, facer unha conferenza ateneísta, tería razóns d' abondo pra non facel-a, tan só c' as devanditas. Pero aínda hai máis "Conoce-te a ti mesmo", foi o pensamento fundamental d'un sonado filósofo antigo, e este pensamento sigue dispois de tantos anos tendo, ó menos prá min, o mesmo valor fundamental que lle concedía o vello filósofo. Tanto máis que n-iste aspeuto é onde andamos quizais máis descoidados. Fai tanta falla que nos conozamos a nós mesmos, e conocemonos tan pouco, que da verdadeira pena. Por iso inda que outras razóns me levasen a outro campo de conocimentos, o deber que sinto remorder en min de consagra-me ante todo a nós, como personalidade racial, faria-me escoller un tema coma o que escollín: un tema que xirase a redor d'a Nosa Terra e d'a nosa Raza. Por iso comecei e penso seguir falando en galego. Por que nos temos que ir afacendo a non tomar en serio tantos probes homes como por ahí andan decindo, e obrando en consecuencia, que o galego sirve pra falar en confianza e nada mais. A verdade, pra min, é que o galego sirve pra que os galegos nos entendamos en calesqueira ocasión e circunstanzas.
Recurrir ó castelán pra falar en púbrico, ou pra escrebir n-un diario, ou pra rezar unha Ave María, parece-me tan ausurdo como chamar-se Manoel n-a casa e Cristobo n-a plaza. Ista é a primeira lamentábel resultanza de non conocer-nos a nós mesmos. (Manuel Antonio, 2012: 149-151)
Na nosa opinión [e sen termos en conta a poesía], a particularidade de Manoel Antonio reside en que no seu ideario combina ao mesmo tempo a defensa das máximas galeguistas coas anarquistas e, a este conxunto, engade o seu galopante individualismo. Xaora, o seu peculiar xeito de conxugar anarquismo e galeguidade nos seus textos eleva a súa relevancia na Historia das Letras Galegas ao ser, até o momento, o primeiro autor que coñecemos que defende por escrito as ideas libertarias en lingua galega. De feito, cando nós avogamos polo anarquismo de MA non é para desbotar a súa defensa da Terra e da Lingua Galega, senón para tirar da gabeta do esquecemento esta outra faceta que certa historiografía galega pretende suprimir por considerala negativa ou anódina. Cando, en realidade, esta característica achega maior valía á singradura literario-vital de MA.
Abofé que ignoramos os motivos que levaron ao profesor Axeitos a terxiversar a historia ou, se se prefire, a ‘abordar’ a biografía de Manoel Antonio conxugando "aspectos sincrónicos e diacrónicos. Obviamente non sempre ordenados de xeito cronolóxico" (Axeitos, 2017: 14), para obter como resultado a anulación desta milagrosa especificidade de MA. Sexa como for, o certo é que as clamorosas ausencias que anunciamos van alén do anarquismo e empapan todo o libro. Destas lagoas, inquiétannos especialmente as relacionadas coa súa familia, o seu acervo documental e mais coa súa faceta de navegante, polo que a elas nos cinguiremos.