top of page

Vol.2: Galifornia, Apátrida Galega 2017  

Único número de  Solidaridad Obrera "Órgano de los Sindicatos Provinciales adheridos a la Confederación Nacional del Trabajo" en DOE Library, Universidade de Berkeley (Carlifornia). Incitación: Eliseo Fernández. Captura: Sor Presa 

Full respect to Comando RM, Mª Jesús Cuesta e F. Cameselle 

         Gústanos xogar ao despiste polo que fóra de debullar o acontecido durante o primeiro Congreso Rexional Galaico de agosto de 1922, Galifornia, Apátrida Galega 2017 conforma unha nova escolma de ausencias, presencias e posibles coincidencias entre Ricardo Mella, José Villaverde e Manoel Antonio como un outro ¡Máis Alá!. Neste PRESENTE DEMENTE, a incredulidade que nos produce o Fidalgo Sr. OlivoSETO e a DESDINOvida actual incítanos a compartir unha Re-Lectura da Historia na procura dunha guía nalgún dos Faros que Alamparon a Revolución Galega. No ámbito español e, particularmente, no galego, descubrir a verdade de calquera personaxe ou suceso histórico anterior a 1936 constitúe unha ardua tarefa dado que a represión, o medo e o silencio obrigaron á eliminación, esquecemento ou ocultación de todo aquilo que gardase un ápice de subversividade ou roxerío. Mais difícil non é sinónimo de imposible e o silencio é factible quebralo.

 

         Galifornia, Apátrida Galega 2017: breve travesía documental que ten como porto elucidar a presumible influencia das ideas libertarias de Ricardo Mella en Manoel Antonio, que poderían ter chegado ao mariño ben directamente a través de Mella -dado que coincidiron no tempo en Vigo- ou ben mediante a continuación e divulgación que levou a cabo José Villaverde, pupilo mellano e principal representante do anarcosindicalismo en Galicia dende os anos 20 até o seu fusilamento en 1936. A documentación que manexamos até o momento non é suficiente para evidenciar unha relación persoal entre Ricardo Mella e José Villaverde con Manoel Antonio; en troques, esta falta de proba documental non elimina para nós a posibilidade de que a conexión existise e estimúlanos a mergullar máis na súa procura. Ignoramos se Xosé Luís Axeitos ilumina esta cuestión na súa recente biografía Manuel Antonio: Unha vida en rebeldía posto que aínda non tivemos o pracer de lela. Pola nosa banda, damos en compartir esta escolma de casualidades co afán de colaborar a revelar o anarquismo manoelantoniano e xunto con el unha parte da historia ácrata galega,

Saúde, Terra, Amor e Rebeldía

Vigo, 25 de Xullo de 2017

   Ricardo Mella e Galicia: o descoñecido mestre

          O topógrafo libertario Ricardo [José Clemente] Mella Cea (Vigo, 1861-1925) é un persoeiro por descubrir na súa propia terra dado que non moitas persoas saben que este foi -e continua a ser- un dos teóricos anarquistas máis valorados non só de España, senón en toda a comunidade de fala hispana. No entanto, ao non ser a súa biografía materia deste estudo, eludimos relatar as ignoradas aventuras de Mella dende que en 1883 abandona Vigo obrigado pola condena de desterro até que este volve a esta cidade de xeito definitivo en xaneiro de 1908, despois de vintecinco anos de itinerancia ao longo da Península Ibérica. Logo, en 1908 asenta en Vigo xunto coa súa compañeira Esperanza Serrano Rivero e dez fillas e fillos: Ricardo, Alianza, Alberto, Esperanza, Raúl, Urania, Alba, Flora, Luz, Alicia aos que se unirían despois Mario e Jorge. Desta gran viaxe, a cantidade de asembleas, iniciativas culturais e escritos dos que Mella foi autor ou partícipe, resulta tan vasta coma imposible de cuantificar na súa totalidade. Por iso -dado o paralelismo que garda co pasquín "O Estado" de M. A.- para esta singradura limitarémonos a recordar La ley del número (Vigo, 1899): crítica anarquista ao sufraxio universal e á falacia do voto parlamentario que comeza: "A la superstición política del derecho divino de los reyes, dice Spencer, ha sucedido la gran superstición política de derecho divino de los parlamentos", onde Mella demostra como o goberno das maiorías se reduce á vontade dunhas poucas persoas que en realidade se representan a si mesmas ou á súa agrupación política, ao tempo que ofrece unha alternativa libertaria de organización social.
 

           Amencemos en Vigo de 1908 cando Mella regresa á súa cidade chamado polo arquitecto Ramiro Pascual para desenvolver o denominado "Plano de Vigo de 1910"; mais en 1911, tralo transcendental almorzo do 11 de agosto na illa de Toralla onde se establece a sociedade "Tranvías Eléctricos de Vigo S. A." -que logra executar ao fin a obra- Mella é nomeado xefe do departamento técnico desta empresa. Dous anos despois, en agosto de 1914, o tranvía empeza a rodar en Vigo e Mella ascende de técnico a director-xerente até a súa morte en 1925. Mais non por isto Mella abandona a súa ideoloxía nin a súa actividade xornalística dado que por exemplo entre 1910-1916 foi partícipe e redactor do semanario Acción Libertaria -onde achamos a colaboración de Manuel Lustres Rivas (Acción Libertaria, 27/01/1911)-, e tamén continuou a súa actividade pública como orador:

Vigo: Dió su anunciada conferencia en el Centro de Sociedades Obreras el escritor D. Ricardo Mella. Explicó ideas sobre sociología. Fué muy aplaudido. El próximo martes continuará desarrollando el tema" (El Progreso, Lugo, 20/04/1912).

         ou dinamizador cultural ao formar parte da xunta directiva do "Recreo Liceo" en calidade de vicepresidente da mesma xunto con Joaquín Nogueira como presidente; e máis adiante, en 1916, como presidente da sociedade "La Oliva". Con todo, tralo inicio da Gran Guerra (1914-1918) Mella reduciría as súas colaboracións e tamén a súa actividade; malia que na nosa opinión, o que máis o paralizou foi a morte da súa filla Alba en 1918 (con 17 anos) xunto coa do seu inseparable J. Nogueira en 1920, ao ser este atropelado por un tranvía na Porta do Sol. Pero aínda así seguiu prestando a súa colaboración nos seus últimos anos a iniciativas progresistas da cidade como demostra a súa inicial adhesión en 1921 ao Ateneo de Vigo como presidente da sección de "Estudos sociales y Económicos" (Vida Gallega, 25/03/1921), no entanto -grazas a Mª Jesús Cuesta que achou unha carta inédita- sabemos que, alegando falta de tempo, dimitiría irrevogablemente do seu cargo pouco despois. Ao ano seguinte, en 1922 colabora con José Villaverde cun estudio sobre o estado social en Rusia para unha velada no teatro Tamberlick ("Por los hambrientos de Rusia" en Faro de Vigo, 09-10/03/1922) e publica o seu último ensaio coñecido Doctrina y Combate. Este estudo sería reeditado en 1923 e por este motivo anunciado na primeira páxina do Galicia: Diario de Vigo:

Un folleto de Ricardo Mella. En Buenos Aires acaba de fundarse una editorial obrera que se propone publicar (...) una serie de trabajos de conocidos militantes del obrerismo internacional, entre los cuales figuran Malatesta, Mella, Carbó, Fabra Rivas, Kropotkine y Gorki. Inicia su primer trabajo la Editorial Cultura Proletaria, con un folleto de (..) nuestro buen amigo el notable sociólogo y gran escritor Ricardo Mella, director de la Compañía de Tranvías de Vigo. (...) [que] será leído sin duda alguna por muchos proletarios españoles ya que su autor es querido y admirado en el campo obrero" (Galicia: Diario de Vigo,  11/02/1923).

          Agora ben, se callar, o acontecemento máis curioso nestes últimos anos de vida, sería o seu derradeiro arresto durante a ditadura de Primo de Rivera, o 11 de agosto de 1924, a raíz dun altercado co ex militar e xefe dos exploradores vigueses, Salvador Jordán y Doré. A detención tan só duraría unha noite, pero os tranvías pararían a súa circulación mentres esta durou e a noticia chegaría -aló menos- até, El Diario de Pontevedra, La Integridad de Tui, La Prensa de Santa Cruz de Tenerife ou  La Voz de Madrid. Case un ano despois, o 6 de agosto de 1925, Mella morre en Vigo dando lugar a un multitudinario enterro froito do respecto e admiración que a poboación viguesa lle gardaba. Tras esta, J. Villaverde sería o maior divulgador da súa obra ao responsabilizarse da edición e distribución do Ideario de Mella. Pola súa banda, os tranviarios farían unha recadación para entregar á familia e máis para elevar o busto de Asorey que hoxe loce en Pereiró e que supuxo unha continua publicación en prensa até setembro de 1927 do estado de contas baixo o epígrafe "El homenaje a Mella". Humilde, sinxelo e intelixente persoeiro que quedaría na memoria de quen o tratou como esa persoa que

Jamás volvió la cara y su mirada escrutó sin temblar el porvenir hermanando las ideas con los sentimientos y los hábitos, a tal punto, que la atracción que ejercía sobre todos los que lo trataban eran como un fluido de las doctrinas de honda ternura humana que no cesó de predicar ni de practicar un momento. A Pontevedra vino el insigne pensador, en donde tuvo como compañero de trabajos en la agencia del ferrocarril de esta ciudad a Carril, al gran periodista ácrata Pepe Prat (...) De entonces data mi intimidad y mi admiración por Ricardo, que acudió como un chico a reuniones de controversia social que los jóvenes republicanos habíamos establecido y en las que no faltó nunca la palabra amorosa y martilleante de Mella. Elevado por su mérito a la Dirección de la empresa industrial más importante de Vigo, su vida no varió y el hombre que se casó civilmente y que no cometió en la persecución, la villanía de transigir llevando a sus hijos a la pila, mantúvose honrado en el triunfo, consagrando su vida con una muerte ejemplar, rodeado del cariño de los que lo conocían y de la simpatía de todos. (Emiliano Iglesias en La Voz de Menorca "Diario Republicano". Mahón, 18/08/1925).

Pepe Villaverde: carpinteiro, actor, publicista, orador e organizador

          José Villaverde Velo nace en Compostela en 1894, o mesmo día que Manoel Antonio (12 de xullo) mais con seis anos de diferenza, e reside nesta cidade até que cara a 1918 pasa a vivir en Vigo -porque, segundo Mariquiña Villaverde, quería coñecer a R. Mella- para, ao final, mudarse en 1930 á Coruña. De certo, o activismo cultural e obreiro que Villaverde levou a cabo durante toda a súa vida, evoca a mesma inquietude que tiña R. Mella. Así, o tamén coñecido como "Pepe Papeles" ou "Juan José" (pola súa reiterada interpretación da obra de Joaquín Dicenta) foi responsable da organización de infinidade de sociedades obreiras -moitas delas relacionadas co mundo do mar- de diferentes puntos de Galicia e elixido por estas mesmas para ser o seu vogal, así como impulsor do ideario anarcosindicalista mediante a edición de varias cabeceiras, nomeadamente: El Despertar Marítimo, Despertad! ou Solidaridad Obrera. Unha traxectoria tan extensa e intensa como a de Mella, coa diferenza de que Villaverde practicou e promoveu dende moi novo o teatro e non morreu de xeito natural, senón que foi fusilado. Posiblemente por isto, Villaverde perdeuse nos labirintos do esquecemento e aínda non houbo pupilo que, como el fixo con R. Mella, compilase a súa copiosa e dispersa produción en prensa. Así e todo, Villaverde goza da homenaxe particular de Manuel Rivas, ao ser carpinteiro o dono orixinario do seu famoso O Lapis do Carpinteiro. Pola parte que nos toca, pese sabermos que a militancia de Villaverde continuou intensamente na II República, restrinxirémonos a observar esta até 1930, ano do pasamento de M. Antonio. Desta guisa, recollemos aquí os seus primeiros pasos en Compostela (que coinciden con M. Antonio estudando no "Instituto General y Técnico de Santiago") amais de certos detalles ao seu paso por Vigo nos 20. Logo, fóra do seu chamamento de recruta en 1915, a primeira nova que atopamos de Villaverde data de 1916 e infórmanos de "La Fiesta del Trabajo: Velada en el teatro":

Ofrecía anoche un brillante aspecto la sala de nuestro Coliseo, abarrotado por completo de hermosas mujeres artesanas que acudieron a honrar con sus encantos la fiesta proletaria del "Primero de Mayo". Todas las localidades estaban ocupadas, y no había lo que puede decirse un hueco para un alfiler. Esta velada artística a cargo de unos cuantos rapaces muy entusiastas del cultivo de las tablas escénicas dejará grato recuerdo entre cuantas personas acudieron a tributarles sus aplausos (...). Constituyen un cuadro artístico muy excelente que lleva por título "Brisas Futuras" y su director es el carpintero José Villaverde, quien, con bellas frases hizo la presentación de sus discípulos antes de comenzar el acto. (Gaceta de Galicia, Santiago, 2/05/1916).

          Uns meses máis tarde, tralas mortes que tiveron lugar nos "Sucesos de Nebra", hoxe coñecidas como as dos "Mártires de Cans", localizamos a Villaverde xunto coa compañía "Brisas Futuras" no Teatro Principal nunha velada "con objecto de recaudar fondos para socorrer socorrer a las familias de las víctimas habidas en los sangrientos sucesos ocurridos recientemente en el término del Puerto del Son" (Diario de Galicia, Santiago, 29/10/1916), á que lle seguiría outra en Coruña aos poucos días co mesmo fin. Quince días despois, La Correspondencia Gallega anuncia a chegada de varios delegados a Santiago para asistir á "Asamblea Regional" que tería lugar no Coliseo Principal:

El acto será presidido por el exconcejal señor Pasín. La Federación de las sociedades obreras y agrícolas de esta comarca, ha invitado al mitín al vecindario, por medio de una hoja que circuló esta mañana por la ciudad. Si el ciclónico temporal reinante, no ordena lo contrario dejándonos en las tinieblas, se celebrará en el Salón Apolo, una velada teatral por el cuadro de declamación "Brisas Futuras" en obsequio a los delegados que asistan a la Asamblea (La Correspondencia Gallega, Pontevedra, 19/11/1916)

 

          Ao ano seguinte, a folga xeral revolucionaria de agosto de 1917, levaría ao cárcere -entre outros- a José Pasín Romero xunto con J. Villaverde e estes non serían liberados até o 9 de novembro dese ano, onde "muchos obreros fueron a esperar la salida de los detenidos, vitoreándolos" (El Correo de Galicia, Santiago, 10/11/1917). Porén, esta represión, lonxe de parar a súa actividade, aumentou a súa protesta:

Presidida por el obrero D. José Villaverde se celebró ayer en el teatro un mitín en favor de la concesión de la amnistía a los presos por los sucesos de Agosto. Hicieron uso de la palabra los concejales republicanos (...) y los obreros José Pasín y Ezequiel Rey (El Correo de Galicia, Santiago, 26/11/1917).

          Despois desta reunión, aínda que descubrimos unha nova de "Brisas Futuras" en agosto de 1920 que anuncia unha próxima excursión á cidade da Oliva; en realidade perdemos a pista de Villaverde até que en novembro de 1921 volve ser detido en Vigo e levado a Madrid xunto co barbeiro Federico Sánchez a raíz do asasinato do contratista Celestino Madurell. A súa inocencia  fai que recuperen a súa liberdade en decembro do 1921 e en marzo do ano seguinte Villaverde estaba a interpretar Los Malos Pastores de Mirabeau na mesma velada onde se lían as cuartillas de Mella "Por los hambrientos de Rusia". Mais, antes de continuar coa vida de Villaverde, queremos adiantar que dende marzo de 1921, Manoel Antonio residía en Vigo durante o curso escolar da Escuela de Náutica e volvía a Asados (Rianxo) durante o verán. Razón pola que, lamentablemente, estivo ausente da cidade durante o 1º Congreso Regional Galaico que tivo lugar no Ideal Cinema de Vigo dende o 12 agosto de 1922 até o seu peche unha semana máis tarde.

          A cabeceira Solidaridad Obrera "Órgano de los Sindicatos Provinciales adheridos a la Confederación Nacional del Trabajo" recolle esta asemblea e amósanos a José Villaverde como un participativo e reiterado orador en calidade de delegado da sección do Transporte de Vigo, ademais de estar entre os oradores da arenga de peche: "Se acuerda que (...) se celebre Mitín de clausura que corone la labor de este Congreso, en cuyo mitín hablarán (...) Arenas, Rey, Lourido, Villaverde, Expósito, García, Collado y Dolet" (Solidaridad Obrera, Vigo, 01/09/1922). Poderíamos seguir enumerando outras novas sobre Villaverde como vogal dalgunha sección ou organización obreira ou como orador noutros mitins, emporiso pola relación que nos propomos engadiremos só un par delas máis -malia non termos documentación que demostre o interese de Manoel Antonio nelas-. A primeira escollémola por estar publicada no ano 1924 en Galicia: Diario de Vigo posto que neste ano M. Antonio foi correspondente deste xornal e a nova dá conta da solidariedade que Villaverde mostrou coa causa de "Shum" ou "El Poeta":

El mitin del domingo. Por el indulto de Acher: Organizado por el Sindicato General de Trabajadores de esta ciudad se celebró el domingo a las once de la mañana, en el teatro Tamberlick, el mitín para pedir el indulto de Juan B. Acher (El Poeta), una amplia amnsitía para los presos políticos y sociales y abolición de la pena de muerte. Presidió el acto D. José Villaverde, acompañado de los presidentes de las diversas secciones del sindicato (...). (Galicia: Diario de Vigo, 6/05/1924).

          Pese a carencia documental, consideramos máis que probable que tivese coñecemento desta sonada condena. Pola súa banda, a segunda das novas, data do 23 de febreiro de 1926, a catro días da primeira travesía (Vigo, 27/02/1926-Vigo, 29/06/1926) de M. Antonio no pailebot Constantino Candeira e tomámola do Faro de Vigo dado que fai referencia á traxedia do vapor pesqueiro Constante que acabou coa vida de catro mariñeiros e provocou a rápida contestación de Villaverde:

El presidente del Sindicato General de Trabajadores, Sección Marítima, D. José Villaverde, nos remite unas cuartillas, que por falta de espacio, tenemos que extractar. En ellas se contiene una protesta contra el hecho de que los vapores de pesca no lleven botiquín. Dicen también que el vapor "Constante" debió arribar al puerto de Peniche, por haber ocurrido el suceso a la altura de las Berlingas, para que allí recibieran asistencia facultativa los lesionados. El mismo Sindicato se dirigió a los armadores de parejas, rogándoles que sus buques no salieran hoy a la mar, a fin de que los tripulantes asistan al entierro de las víctimas. Y por último, se dirige a todos los asociados, para que hoy, a las diez de la mañana, asistan a la conducción de los cadáveres a la cual se llevará la bandera de la Unión Marítima de Bouzas (Faro de Vigo, 23/02/1926).

          Sen dúbida a mostra que até aquí ofrecemos resulta parca, con todo a consideramos suficiente para comprender que dada a inquietude intelectual e social do rianxeiro, a oratoria e figura de Pepe Villaverde tivo de ser ben visible para Manoel Antonio. Agora ben

todo cuanto yo pueda deciros acerca de el jamás podrá responder a describiros la gran personalidad humana, las excepcionales dotes de orador que le adornaban y la brillante pluma de que hacía gala en sus escritos periodísticos. Como hombre amante del proletariado, paladín de sus justas reivindicaciones, jamás nadie podrá ponerlas en tela de juicio tras su muerte heroica antes de traicionar sus ideales (...) Como orador fue un tribuno para el que no existían secretos, pues una de las facetas que más destacaban en el era el dominio de las tablas. (...) Admirados de su gran oratoria yo escuché grandes elogios a Casares Quiroga, García Labella, Pestaña, don Enrique Hervada, Antón Villar Ponte, Suárez Picallo (...) Algo que yo siempre admiré en él era lo bien que sabía terminar sus discursos -cosa que Ortega y Gassset, decía que era lo más difícil para un orador. (Fondo Xosé Villaverde Velo. Carta de Manuel Fernández a Mariquiña Villaverde RAG: C/466-19.01)

 

Manoel Antonio: trala pegada dunha nova coordenada

          Manoel Antonio, nado en Rianxo en 1900, amosou dende ben novo forte inquedanza cultural e sensibilidade pola problemática social, ligada a un continuo movemento vital que o levou a residir en diferentes partes de Galicia antes de embarcarse a percorrer mundo. Cando neno, a enfermidade do seu pai e máis a profesión de mestra da súa nai, levaríano a vivir en Padrón e Tui e tamén a escapar de Cangas do Morrazo en 1911 ao non querer ser cura, para en sucesivos anos e até a súa morte levar unha vida marcada polo afán de coñecer e cultivarse. En 1913 inicia bacharelato por libre no Instituto General y Técnico de Santiago de Compostela, continua despois entre 1916 e 1918 en réxime oficial (con residencia en Compostela) e remata no 1919-1920 de xeito non oficial, antes de ir para Vigo en marzo de 1921 a cursar a carreira de piloto na Escuela de Náutica de Vigo. Nesta escola en xaneiro de 1923 acada o título (teórico) de piloto da mariña mercante e en marzo dese ano volta a Compostela para cursar por libre a carreira de Filosofía e Letras asemade que segue visitando Vigo (amais doutros pagos galegos) e tendo sempre Asados como base, a onde regresa en 1924 e reside até febreiro de 1926 que embarca no Constantino Candeira (1926-1927). Tras esta travesía e noutras por deseñar no Gelria (1928) e no Arosa (1929) volve a Rianxo en novembro de 1929, a piques de morrer. O Epistolario dinos que o 29 de outubro de 1929 abandona Cádiz, onde se hospedaba con Juan Pérez Gónzalez -irmán de José e Roxelio, curmáns e habituais interlocutores vitais do poeta- para dous meses máis tarde: 28 de xaneiro de 1930: arrevoarexpirar en Asados. ·Sortudo MA!·

       Despois desta data, e durante máis de vinte anos, pouco se soubo do legado documental de Manoel Antonio até que Domingo García-Sabell trata en calidade de médico a Purificación Sánchez (nai de M. A.) e ten aceso aos papeis que gardaba o mariño no seu camarote de Asados. Logo, a conxuntura histórica faría que García Sabell, quen coñece a Manoel Antonio en vida e atende anos máis tarde á saúde da súa nai, fose o primeiro agraciado-responsable de dar ao prelo a obra completa. Porén, o médico non logrou cumprir esta misión, xa que comeza pola Obra Completa I. Poesías (1972), salta á Obra Completa III. Correspondencia (1979) e non edita nada máis. Con todo, para nós, este feito non resta interese as súas edicións, ao seren as primeiras e iren precedidas de reveladores proemios que merecen recordarse. Daquela, antes de somerxernos na propia produción de M. Antonio, recapitulamos unhas palabras de García-Sabell como balizas indispensables nesta travesía.

       Poesías, a primeira das entregas, consta dunha "ampla" introdución bio-bliográfica intitulada "Manoel-Antonio, o aparecido" con sucesos da súa vida e outra información interesante como a relación das obras da biblioteca do rianxeiro ou as principais influencias que segundo García-Sabell marcaron a Manoel Antonio e entre as que este destaca o poeta anarquista Joan Salvat-Papasseit. Entramos pois en Manoel-Antonio, o aparecido e lemos: "o seu xaimismo e a xermanofilia do poeta duraron ben pouco. Mais a conciencia da dinidade humá e, con ela, da libertade, foron medrando sen pausa" (García Sabell, 1972:20). Para pouco máis adiante afirmar:

Manoel-Antonio era, por esencia, poeta. (...) Pero o curioso é que iste poeta esencial estaba dobrado por un home de aición, por un organizador, por un rebelde, por un protestatario aitivo. Era, pois, home de compromisos. E, ao tempo, poeta libre, poeta libérrimo (García Sabell, 1972:43).

        Así, neste limiar, García-Sabell non aprofunda máis no carácter libertario do poeta e só localizamos a palabra "anarquista" unha única vez dentro deste texto:

Pro a doenza non perdoa. Cada día Manoel-Antonio perde terreo. Xa está no fogar maternal. Encama. Soedade. Veñen as longas conversas a soias, ca nai. ¿Qué se dixeron aqueles dous seres tan distintos que no percorrer da vida apenas chegaron a entenderse, ela devota por demáis, con unha miga de asustada, con medo ás ideas do fillo; i ele, o fillo, un aventureiro apaixoado pola libertade, esixente, autoritario, patriota da súa terra, insobornable, anarquista e místico? (García-Sabell 1972:39).

          Tralas Poesías habería que agardar até 1979 para coñecer a Correspondencia, pero desta volta con só seis páxinas de prólogo fronte as sesenta de "Manoel Antonio, o aparecido". Emporiso, o curioso deste prefacio é que, sendo tan breve, un dos seus motivos principais sexa o anarquismo de Manoel Antonio:

No Limiar do volume das Poesías, eu definín a Manoel-Antonio como "un aventureiro apaixoado pola libertade, esixente, autoritario, patriota da súa terra, insobornable, anarquista e místico". Os avatares da súa existencia que no meu escrito se consignaban ben o proban e ben sosteñen tales notas antropolóxicas. Pois ben, agora, nestas cartas, pódese alucar, con máxima nidieza, o desenvolvemento, o percorrido de cada unha delas. Para poñer un exemplo: o seu anarquismo (Pérez Sánchez, 1979:10).

          Non sabemos se esta xustificación responde a ter recibido críticas pola súa declaración nas Poesías ou se ben quere adiantarse ás que poidan vir. Sexa como for, esta reafirmación resulta sorprendente para nós, sobre todo porque a descrición que este fai deste anarquismo encaixa perfectamente co que abrigaban Mella e Villaverde:

Como anarquista, reclama a aniquilación das estruturas que integran, que aferrollan o ser fondo da nosa terra. Como anarquista puro, entende que cómpre botar man da violencia. E con unha ardentía moi xuvenil e moi do tempo, pide balazos, pide agresividade, pide desfeita. A desfeita precisa para logo poder construír (Pérez Sánchez, 1979:10).

 

          polo que o editor defende deste modo o anarquismo do rianxeiro, pero aclarando que este non era un terrorista, senón unha persoa inqueda e de aí o seu acratismo:

O pulo polo pulo. O pulo, diría eu, como forma de vida. E non sorriades. Pois o pulo como forma de vida constitúe, sin dúbida, unha das formas máis outas e máis nobres de existencia que a criatura humana pode concebir. Anarquismo teórico, non ten volta. Anarquismo de acción eso xa é distinto e, no caso do poeta, non conta. (Pérez Sánchez, 1979:11).

          E finalmente a palabra "anarquista" emerxe por último despois de falar da personalidade do poeta, cando García-Sabell alude a quen ían dirixidas as cartas:

Moitos máis proveitos ten a lectura da Correspondencia do rianxeiro. Nela péscase doadamente a honestidade, o rigor moral, o desinterés (...) o espírito de axuda, o amor á terra, de uns e de outros. Anarquistas e non anarquistas, poetas, escritores, artistas plásticos (...) todos pugnando por servir a Galicia, por tirála da súa menesterosidade (Pérez Sánchez, 1979:12).

          Ora ben, a verdade é que García-Sabell cumpriu moi parcialmente o que adiantaba neste prólogo posto que a pegada anarquista desta Correspondencia redúcese a dúas emblemáticas cartas: unha a Victoriano Taibo e outra a Álvaro Cebreiro. Dito isto, entramos na vida e produción do rianxeiro seguindo os seus escritos coñecidos.

         Comezamos por Compostela onde Manoel Antonio residía cando Villaverde dirixía o cadro "Brisas Futuras" porén, até que en 1918 este se manifesta como socio do Centro Republicano desa cidade, non temos proba documental de que o de Rianxo tivese relación co movemento obreiro. Mais neste ano, o poeta dille ao seu curmán Roxelio (irmán de Pepito -José Pérez-): "No pasé por el Centro Republicano. El último día fui por allá y estaba cerrado. Si vás allá dile al conserje que durante estos cuatro meses del verano me doy de baja por estar fuera" (Pérez Sánchez, 2015:56). Deste centro, onde se mesturaron anarquistas e republicanos, destaca a actividade de José Pasín, o ebanista fundador dos diarios La Defensa e La Lucha Social, quen estivera detido con Villaverde, compartira con este último varios mitins e, polo que lemos, mantiña amizade con Roxelio dado que, en marzo de 1919, este último dille a M. Antonio:

Pubrícase, sendo órgano da federazón obreira, La Lucha Social. Aínda non vin a Pasín. Colaborarei. Un d'estos días haberá un mítin, é ó paro xeneral. (...) Fun ver Xan Xosé, o drama de Dicenta. Cada vez, gústame mais. E iso, que os actores, non son grande cousa. A primeira actriz, boeno. Traballa ben. Pero ô que facía de Xan Xosé, non estivo a grande altura. É de moi difícil interpretazón. (Pérez Sánchez, 2015:315).

         Até o de agora, esta é, para nós, a única posible proba real que une Villaverde coa realidade manoelantoniana. Así, sospeitamos que o actor que encarnaba a Xan Xosé era Villaverde, malia non termos localizada aínda en prensa a actuación á que se fai referencia. Porén, o carpinteiro acadaría o alcume de "Juan José" pola súa continua interpretación desta obra e el mesmo asinaría textos con ese nome. Ademais, esta relación de Roxerius -ou Roxelio- con "Brisas Futuras", vese reforzada por unha carta anterior onde Roxelio dille a Manoel Antonio "pediume Caulonga unha obriña para «Brisas Futuras». Xa veremos se ll'a podo faguer" e que ten como posdata "N'o Centro [Republicano] Pasín presidente. Irei por aló. Pódese faguer algo" (Pérez Sánchez, 2015:314).

         Deixamos Compostela e viaxamos a Vigo xunto con Manoel Antonio na súa recente chegada á cidade, quen residiría no lendario enclave anarquista do Paseo Alfonso XII asemade estudaba na Escuela de Náutica sita no edificio de Artes e Oficios (Avda. García Barbón, 5), que por esas datas tiña de veciño de enfronte a Ricardo Mella (Avda. García Barbón, 10) Casualmente, ante o desconcerto inicial de Manoel Antonio na súa chegada, Roxerius recoméndalle: "E digo que me tería conta o Ateneio vigués, porque sería un bó outeiro pra pór sobor d'el un faro" (Pérez Sánchez, 2015:359). Ao que Manoel Antonio responde:

Falabas do Ateneio. O Ateneio poida ser que o fagan os nazonalistas. Pol-o de pronto na sua xunta orgaizadora están Lustres Rivas, que é nazoalista, e Cabanillas (...) Xa veremos que camiño vai a siguir (...) porque aínda non está constitído. Coido que se constituirá oficialmente o domingo que vén. Tampouco teñen local. O que teñen e o que ten Vigo: cartos. Agora só falta que uns escolleitos cerebros dirixan iso, e non vaia cair n'as pecadoras mans d'os Reis d'o bacalau, d'a fariña y outros monarcas vigueses. Unha mostra de que teñen cartos é a de que xa pensan n'unha editorial (Pérez Sánchez, 2015:100).

         Estamos logo a falar do mesmo Ateneo de Vigo que referimos anteriormente e ao que nun comezo pertenceu R. Mella. Particularmente, resulta moi interesante esta relación de M. Antonio co Ateneo, ante todo polas súas reflexións no intitulado "Ateneísmo" e pola posibilidade de que nalgún momento Manoel Antonio e Mella puidesen chegar a coñecerse ou a cruzar unhas palabras nalgún dos seus actos. Sucedese isto ou non, o certo é que nese verán de 1921 é cando o de Rianxo, ao falar sobre a creación artística co poeta Victoriano Taibo conclúe o seu argumento coa famosa: "Y-en consiguenza o Anarquismo é a suprema Ley d' Estética" (Pérez Sánchez, 2015:120), primeira alusión coñecida a esta corrente nos escritos manoelantonianos. Logo, para nós, o poeta avoga por esta idea como sinónimo de individualismo e primeiro paso a dar cara o logro do Ideal Libertario, posto que en consecutivos textos o rianxeiro reivindicará esta calidade paralelamente á idea anarquista: no manifesto "¡Máis Alá!" (1922) os seus asinantes afirman renegar dos movementos de vangarda por ser dogmáticos e non respectar a "anárquica dilecn [sic] individual" (Pérez Sánchez, 2012:141) amais de presentar o individualismo como máxima vital que goza de apartado de seu na estrutura do manifesto: "Consagramos a individualidade ata o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome" (Pérez Sánchez, 2012:143). Aínda que o que nos provoca máis curiosidade a nós é o peche do texto que, a súa vez, dá título ao manifesto:

¡Mocidade! (...) Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá! (Pérez Sánchez, 2012:143).

         Xa que logo, coñecedoras da sonada frase e artigo de Mella "Más Allá del Ideal hay siempre Ideal", só podemos imaxinar que esa voz que lle berraba a M. Antonio non era outra que a do topógrafo vigués. Deixamos a nosa idea nese limbo invisible que une os dominios da ficción e a realidade e lemos agora o "Prólogo de un libro de poemas que ninguén escribeu" publicado no Galicia: Diario de Vigo en 1924, onde Manoel Antonio, unha vez máis, reitera a súa individualidade ligándoa á poesía e á anarquía:

O autor d'iste libro, a difrenza dos poetas da sua terra (...) non por asomellar-se a ninguén (...). Fixo da sua independenza un sagro fanatismo, e vel-eiquí o tendes só, ergueito e orguloso. Ten, ademais, o seu arte resoanzas futuristas, creacionistas, dadaístas e non sei que mais, todas elas anarquicamente escolmadas e autocraticamente peneiradas. (Galicia: Diario de Vigo, 25/07/1924).

         Así e todo, o anarquismo polo que Manoel Antonio avogaba non se limitou á creación artística e, meses antes da publicación do texto anterior, escribía a Cebreiro:

D'a autualidade política non quero falar...

Eu considero-me fora d'a Yrmandade, porque resulta estreita demais prá cantidade e intensidade de Nazoalismo que eu sinto. Cada volta vexo-me mais afincado n-as miñas ideas sindicalistas: suprimindo o Estado, outra d'as ventaxas que s'arrecadan é a de suprimir a política; e a política, vou vendo que é a nosa gran doenza racial, a que mais axiña compre aniquilar. Hai que atopar a maneira de que o galeguiño non poida ter un mandiño, e a mellor maneira consiste en suprimir o mandiño: o Estado, con todal-as suas organizacións. Aconsello-che seriementes que te impoñas o traballo, por unha ves n-a tua vida, d'estudar o anarquismo, e sobre todo a sua forma mais práitica que é o sindicalismo. Aseguro-che que si a sua verdade non chegase a convencer-che, convencerían-che as innumerabes ventaxas que traguería n-o caso da Nosa Terra (Pérez Sánchez, 2015:193).

         Por se esta rotundidade do poeta non fose suficiente, o colofón as nosas sospeitas con respecto da posible influencia de Villaverde e Mella en M. Antonio está no escrito sen datar "O Estado", resumo máis breve e conciso que coñecemos de La ley del número de Mella:

Un Estado, sempre será, calquera que sexa a sua constitución, unha de duas cousas: tiránico ou democrático.

Si é tiránico, xa de principio ademitimos que unha minoría hai n-el, a direitora, que asoballa á grea restante, á mayoría. Pol-o tanto, un Estado tiránico é unha negación d'a Libertade. D'a Libertade d'a maoría.

Si é democrático, teremos que o maxinar coma un sistema de forzas, sumas de vontades, coincidentes n-un fin, o bo goberno, e d'aquela impoñerá-se a forza mais potente, que é, n-o noso caso, a mais outa suma de vontades. Restará, pol-o tanto, sempre, unha grea, as vontades menos numerosas, asoballada pol-a mais forte. Logo, o Estado democrático é tamén unha negación dá Libertade. D'a Libertade d'as minorías.

Vexa-se como o Estado, en todol-os casos posibles, tiránico ou democrático, é sempre a negación d'a Libertade. N-o primeiro caso, d'a Libertade dá maoría; n-o segundo, d'a Liberdade d'as minorías.

A negación d'o Estado é a Acracia ou Anarquía. Compre agora demostrar: 1º que a Acracia non é unha negación d'a Libertade. 2º que é a única forma d'o seu conseguimento universal.

Método e sistema: direición e camiño (Pérez Sánchez, 2012:209).

         Ante o paralelismo argumentativo de ambos textos, cremos estar de novo a escoitar a voz de Mella no oído de M. Antonio. Sabemos do radicalismo galego no tocante á defensa da lingua por parte do mariño e tamén que Mella non acepta o ideal nacionalista; non obstante, non cremos imposible que ambos persoeiros chegasen a coñecerse e a intercambiar opinións. Idea que reforza o feito de que a Escuela de Náutica de Vigo estivese ubicada no edificio da Escola de Artes e Oficios posto que, alén de que Mella vivía en fronte desta e era unha persoa ben coñecida e respectada na cidade, a totalidade da súa descendencia estaba ligada dalgún modo a esta Escola: punto de encontro da inquedanza intelectual que albergaba daquela a biblioteca municipal e que hoxe en día conserva copia da primeira edición de La ley del número. Ao tempo, a amizade de Roxelio con Pasín e o entorno de "Brisas Futuras" agudiza a sospeita de que Villaverde e Manoel Antonio se coñecesen, ao seren ambos persoas sinaladas da realidade galega da época. A xeito de epílogo e porta aberta á continuación da pescuda está a relación da que case ninguén fala entre Manoel Antonio e Eugenio Granell -que posuía varios libros de Mella na súa biblioteca-, quen declara nas súas Memorias de Compostela con respecto a Manoel Antonio: "Yo fuí amigo suyo entre 1924-1928 (..) eran una especie de fiestas mis paseos vespertinos con él bajo los pórticos de la rúa del Villar donde frecuentemente nos juntábamos con otros amigos" (Granell, 2006:135).

         De certo, esta Epifanía Libertaria Apátrida ten moitos matices por descubrir, así que mentres continuamos na súa procura, en próximas entregas ampliaremos documentalmente este episodio e no Vol. 3 de agosto exploraremos as descoñecidas aventuras da mocidade de Mella...pronto Máis Millor!

Bibliografía ·só os libros·

 

García-Sabell, Domingo (1972). Manoel Antonio, o aparecido (separata do limiar Poesías de Manoel Antonio). Vigo: Galaxia.

Granell, Eugenio F. (2006). Memorias de Compostela: visión orlada por estrellas, islas, árboles y antorchas. Santiago de Compostela: Fundación Eugenio Granell.     

      

Pérez Sánchez, Manoel-Antonio (1979). Obra Completa III. Correspondencia (Ed. García-Sabell). Vigo: Galaxia.

Pérez Sánchez, Manuel Antonio (2012). Obra Completa II. Prosa (Ed. X. L. Axeitos Agrelo).  A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.

Pérez Sánchez, Manuel Antonio (2015). Obra Completa III. Epistolario (Ed. X. L. Axeitos Agrelo).  A Coruña: Fundación Barrié de la Maza.

P. D. Todos os fragmentos subliñados encamiñan a un hipervínculo que permite a descarga do documento fonte.

bottom of page