top of page

 Vol.1: Da  descuberta en bilbao do expediente

de Manoel Antonio

Na"Escuela de Náutica de Vigo"

Legajos da "Escuela de Náutica de Vigo" arquivados en Bilbao 

 

"Hay que sembrar la verdad a los cuatro vientos y que la recoja quien pueda"

Ricardo Mella

 

          Hai algúns anos que un traballo para Manuel Forcadela me fixo preguntarme onde estaba a "Escuela de Náutica de Vigo" en que estudara Manoel Antonio dado que a bibliografía non mencionaba nada sobre esta. Asemade, por ese traballo, souben da misiva dende a que Manoel Antonio (M. A.) aconsellaba ao pintor Álvaro Cebreiro "estudar o anarquismo, e sobre todo a sua forma mais práitica que é o sindicalismo" e comecei a visualizar a relación entre Manoel Antonio, José Villaverde Velo e Ricardo Mella. Mais foi no 2012 cando, impactada coa publicación do inédito pasquín anarquista "O Estado" dentro das Prosas de M. A., embarquei na realización do estudo esbozado en Gallaecia Liberta: un seguimento da vida e obra destes autores que chega a Lois Pereiro e visibiliza algúns dos lazos existentes entre eles.

 

           Porén, seguía sen saber case nada da Escola de Náutica e, ao fin, na hemeroteca do Faro de Vigo (17/07/1921) amenceu unha nova de "La Escuela de Comercio" de Vigo que facía referencia á falta de espazo no edificio da "Escuela de Artes y Oficios" ao ubicarse tamén neste, a Escola de Comercio, a de Ensinanza da Muller e a Escola de Náutica. Con esa pista dirixinme á actual EMAO para preguntarlle á Mª Jesús Cuesta de Pedro, a súa enérxica bibliotecaria, se ela sabía algo. Non tardou en darme solución: localizara un artigo, Los múltiples usos del edificio de la Escuela de Artes y Oficios de Vigo en la primera mitad del siglo XX. La otra labor social de este centro municipal de María Dolores Dúran Rodríguez (Boletín IEV, nº14/2009) con referencias á Escola de Náutica, a súa ubicación no edificio doado por García Barbón e situaba "el archivo, el material de enseñanza, y todos los documentos relacionados con dicha Escuela" en Bilbao. Sorprendida pola información, chamei a Bilbao onde, se ben nun primeiro momento non crían que ese material puidera estar alí, despois dunha pesquisa, lograron atopar dous legajos da "Escuela de Náutica de La Coruña". Pasou o tempo sen que puidese achegarme a Bilbao mais, hai unhas semanas, tralo convite a participar nas xornadas pola recuperación da memoria libertaria de Coruña, decidín persoarme na actual "Escuela de Náutica de Bilbao" en Portugalete. Alí estaban os dous legajos de Coruña pero con escasa información de Vigo, polo que a bibliotecaria deu en facilitarme o acceso ao arquivo histórico para que eu mesma tentase localizar a documentación. Felizmente apareceron dez carpetas con material da "Escuela de Náutica de Vigo": comunicacións varias, presupostos ou horarios e tamén os expedientes do profesorado e do alumnado, entre os que se atopan o de Manoel Antonio Pérez Sánchez, o seu curmán Xosé Pérez Gónzalez ou os tudenses Ricardo Torres Quiroga e o seu irmán Manuel, entre moitos outros alumnos.

 

          A "Escuela de Náutica de Vigo", constituída por Real Decreto en 1915 mais costeada maiormente polo Concello de Vigo, sería clausurada trala fin do curso 1923-1924, ao pouco de comezar a ditadura de Primo de Rivera. Naquel verán de 1924 foran inútiles as reunións do director da Escola de Náutica, Rafael López Soler, co alcalde accidental o Sr. Garra (El Pueblo Gallego, 31/05/1924) e posteriormente con Adolfo Gregorio Espino para impedir o peche, así como o intento de lograr que o material pedagóxico e a documentación da escola quedasen nesta cidade. A Escola de Comercio solicitou quedar co material (Faro de Vigo, 06/07/1924) e o profesorado chegou a ofrecer dar aulas gratuitamente até que se lograse a reapertura da escola (Faro de Vigo, 17/07/1924) porén, nada disto foi posible e toda esta documentación xunto con outra -aínda non localizada- foi levada a Bilbao. Ante esta situación, o futuro director de pesca na ditadura de Primo de Rivera, Odón de Buen, declaraba a unha comitiva viguesa en Madrid que "aunque no puede evitar que desaparezca la Escuela de Náutica de Vigo, gestionará se instale una Escuela de Pesca que será la primera de España" (Galicia: Diario de Vigo, 12/06/1924). Pasaron os anos, diferentes persoeiros como Manuel Lustres Rivas ou Ángel Bernárdez reivindicaron a necesidade dunha Escola de Pesca para a cidade de Vigo e incluso chegou a haber un pleno extraordinario do Concello na véspera de noiteboa de 1927 para a instalación dunha "Escuela de Pesca" (El Pueblo Gallego, 24/12/1927). Porén, sería na vila de Cangas do Morrazo onde, dirixida por Felipe Carnicer, se instalaría a considerada primeira "Escuela de Pesca" de Galicia o 19 de marzo de 1933. Pola súa banda, Vigo tería que agardar até o 15 de novembro de 1942, case 20 anos despois do peche da "Escuela de Náutica de Vigo", para contar cunha "Escuela Media de Pesca"... Poderíamos seguir a historia e esta nos diría como esta Escola Media tamén resultaba insuficiente para cubrir as necesidades de Vigo (La Noche, 08/05/1946), un dos primeiros portos de España polo seu movemento tanto de persoas coma de peixe.

 

            O descoñecemento que hoxe sigue a pailar arredor da figura de Manoel Antonio, sobre todo se falamos da súa produción libertaria, canda a escasa difusión da totalidade da súa documentación, impélenos a compartir este expediente para que poida ser empregado por calquera persoa que desexe achegarse ao estudo da vida e obra do rianxeiro.

 

        Creemos na cultura libre e compartida, nese asociacionismo que leva anos suplindo as carencias educativas e culturais que o estado decreta ao reducir o gasto en educación e multiplicar o militar e policial. Por iso é que optamos por un outro xeito de ver e coñecer a historia e colaboramos con aquelas iniciativas que nacen da inquedanza do pobo por aprender e organizarse. Xiareiras de lugares de encontro como o "Centro Social Ocupado e Autoxestionado Escarnio e Maldizer" de Santiago de Compostela denunciamos a inxustiza do seu recente desaloxo así como a brutal carga policial efectuada na concentración de apoio: ao CSOA Escarnio e Maldizer, a Carlos Calvo e a Teto dedicamos este descubrimento. Hoxe, 2 de xuño de 2017, estaremos noutro destes espazos de colectividade: o CSO A Comuna en Monte Alto para falarmos da faciana máis esquecida de Mella, Villaverde e Manoel Antonio até chegar a Lois Pereiro. A historia, como adoita recordarnos Gonzalo, está feita polos vencedores. Na nosa man está reconstruíla coas voces daquelas persoas ás que intentaron vencer, pero que xamais foron vencidas.

Estade Alerta, pronto máis BööMEpifanías!

Natura e Liberdade!

 

Preme na imaxe para descargar o expediente

Manoel Antonio Escuela de Náutica de Vigo

Con agarimo a Marisín, Nieves e Arrate 

            "Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos noso pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra:

¡Máis alá!"

Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro

Sen dúbida, canda a do eterófono e millóns máis, a historia da "Escuela de Náutica de Vigo" asociada á multifuncionalidade do edificio da Escola de Artes e Oficios ten moito por descubrir... Mentres tentamos dar con ela, ofrecemos un sintético apéndice documental, suplemento ao texto da nosa Epifanía Libertaria Vol. 1:

  • A: Breve Viaxe Hemerotérica ás Profundidades da EdNdV

1915-1923: Creación e desenvolvemento

1924: Desaparición e ludibrio

1925-1943: Epílogo

bottom of page